Sin categoría

Nigrán ofrece nos colexios públicos un obradoiro de regueifas cos mestres máis recoñecidos

O Concello de Nigrán iniciou onte os obradoiros de regueifas dirixidos a todos os escolares de 5º e 6º de primaria dos colexios públicos de Educación Primaria e enmarcados na programación municipal do ‘Ano Casares’. Estes arrancaron onte co CEIP Humberto Juanes, Mallón e Da Cruz (Camos) e rematará hoxe no Carlos Casares de Vilariño. Os mestres encargados de levar adiante esta actividade son Luís Caruncho, que é músico, gaiteiro, zanfonista e regueifeiro, e Pinto de Herbón, dous dos máis afamados artistas regueifeiros de Galicia e especializados no traballo con cativos e en obradoiros de improvisación.

O Concello, a través do Servizo de Normalización Lingüística, planificou a actividade tendo en conta os intereses dos docentes, que manifestaron o seu interese en levalos adiante porque o alumnado desta idade pode adquirir certas capacidades que lle van servir para o seu desenvolvemento social. Por unha banda practican a lingua oral, que é un dos compoñentes máis relevantes no proceso de adquisición de linguas, xa sexa da materna ou dunha segunda; por outra banda traballan a creatividade, a rima, o ritmo e a métrica, e, finalmente, faise unha posta en valor a tradición oral da cultura galega.

«Con esta actividade reforzamos o noso compromiso co galego dun xeito lúdico e creativo ao tempo que pomos en valor a nosa tradición oral», explica o alcalde, Juan González.

A regueifa é un desafío oral improvisado en verso de orixe ancestral. As súas claves son a rapidez e a espontaneidade, xa que carece de interludios musicais e de pausas, pero sobre todo nútrese de enxeño, porque é o que fai que o público se entusiasme coa capacidade de saír airosos dos envites máis agudos en décimas de segundo e de forma totalmente improvisada, como se fosen prestidixitadores da lingua.

2017-03-30 - IMG_2403