Nigrán envórcase coa biopsia líquida

FOTO: ONCOMET

O Auditorio Municipal de Nigrán acolleu este xoves unha conferencia na que a dra. Teresa Curiel, do Grupo de Oncoloxía Médica Traslacional de Santiago de Compostela, explicou os pormenores e as vantaxes desta nova técnica que está a revolucionar o mundo da oncoloxía: a biopsia líquida, e deu a coñecer a campaña de micromecenado para recadar fondos que permitan seguir avanzando na investigación.

A dra. Curiel pedía a colaboración de todos os veciños do municipio e comarca para financiar colaborativa e desinteresadamente este novo proxecto que situaría a Galicia na vangarda da investigación oncolóxica e que está xa a mellorar a esperanza e a calidade de vida de moitos pacentes galegos.

Son xa máis de 344.000 euros os acadados ata o momento pero Oncomet precisa chegar aos 500.000 euros nos 13 días que quedan de campaña. O resultados do estudo da biopsia líquida permitirán abrir novas vías de tratamento e ampliar o número de pacentes. “Poderiamos adiantarnos no diagnóstico dos doentes de cancro e tratar a enfermidade en estadios máis temperáns, seleccionando así mellor os tratamentos”, explicaba a dra. Curiel.

A biopsia líquida é un dos campos máis prometedores no mundo da oncoloxía dos últimos tempos nos que Oncomet leva a traballar máis de cinco anos. Teresa Curiel lembraba as formas en que se pode colaborar aínda coa campaña: a través da propia plataforma, www.oncomet.es, chamando ao 981 955 344, a través dun ingreso na conta corrente ES68 2080 0300 8730 4556 7736 ou enviando SMS coa palabra CANCRO ao 28014 (1,20 €) ou ao 38014 (6 €). O importe vai íntegro á campaña.

Concerto o sábado no Pazo de Cea

O Pazo de Cea amosa o seu compromiso coa campaña de micromecenado para o estudo da biopsia líquida posta en marcha en xaneiro polo grupo de Oncoloxía Médica Traslacional de Santiago de Compostela e organiza para este sábado un evento cuxos beneficios serán donados íntegramente ao estudo de Oncomet.

“Organizamos unha festa benéfica para colaborar co estudo da biopsia líquida no que haberá música en directo con Cómplices e Miguel Costas, ademais de Dj´s e outras sorpresas” sinalan desde a organización. “Contaremos ademais cos habituais posts de comida para que desfrutemos dunha gran noite e por unha gran causa”.

Os interesados poden mercar aínda a súa entrada por só 10 euros en puntos de venda: PENJAMO SunBAr, Albatris Lounge-Bar, El Ensanche (Music Club Vigo) e por suposto, no propio Pazo de Cea.

Anuncios