Anuncios
Ticker de novas

Valmiemprega Xove ofreceu formación e traballo a 15 persoas desempregadas

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Economía, Emprego e Industria, clausurou esta mañá no Centro Neural o obradoiro de emprego Valmiemprega, no que se ofreceu formación e traballo a 15 persoas desempregadas de Baiona, Nigrán, Gondomar e Oia durante os últimos 6 meses.

Este programa mixto de formación e emprego se centrou na promoción turística local e información os visitantes que posibilitou un traballo que, xunto coa formación profesional para o emprego, procura a cualificación profesional e favorece a inserción laboral das persoas desempregadas que o realicen. Ademais, esta formación impulsa tamén o emprendemento, xa que os beneficiarios recibiron formación específica que lles pode permitir o inicio dos seus propios proxectos.

No caso concreto do obradoiro de Gondomar, os 15 alumnos e alumnas traballaron xestionando servizos de información turística e participando na creación, comercialización e xestión de produtos e servizos turísticos do entorno local durante os últimos 6 meses. Ademais de recibir formación, tamén percibiron o salario mínimo interprofesional.

A secretaria territorial da Xunta en Vigo, Yolanda Lesmes Romero, xunto aos alcaldes de Gondomar, José Francisco Ferreira González, Nigrán, Juan González Pérez, e Baiona, Ángel Rodal Almuíña participaron esta mañá na clausura e felicitaron aos alumnos e alumnas así coma ao persoal a cargo do curso, que estivo formado por un director, un docente e unha persoa administrativa de apoio.

A convocatoria deste ano -que xa saíu publicada no DOG- inclúe diversas novidades como a ampliación da duración dos obradoiros ata os 9 meses ademais de ter preferencia os beneficiarios da Renda de Integración Social de Galicia, as mulleres, en xeral, e as vítimas de violencia de xénero, os parados de longa duración, os maiores de 45 anos, aqueles alumnos que carecen de títulos universitarios ou de FP de grao superior e as persoas con discapacidade ou en risco de exclusión social.

Anuncios