Manifesto Miñor mostra o seu apoio a Espazo Lectura

FOTO: ESPAZO LECTURA

Manifesto Miñor mostra o seu apoio a Espazo Lectura e recoñece a súa actividade a prol do fomento da lectura e da cultura do libro. Recoñecen que lles afecta directamente como parte do goberno municipal, pero aseguran que descoñecían que as obras na biblioteca de Gondomar se fixeran sen consultar coas persoas e asociacións usuarias da mesma.

“Dende logo, entendemos que as melloras nas infraestruturas municipais son necesarias na medida en que contribúan a mellorar e a modernizar a Administración e os servizos que presta; agora ben, esas melloras en ningún caso se poden desenvolver de costas aos colectivos e ás persoas usuarias deses espazos, e moito menos cando se trata dunha biblioteca pública na que, como ben sinalan dende Espazo Lectura, é preciso que haxa zonas específicas para todas as usuarias e usuarios, e sobre todo para público infantil”.

Por outra banda, sinalan que as obras levadas a cabo na biblioteca non resolven un dos problemas máis urxentes na Casa da Cultura: a accesibilidade. “Somos conscientes de que Gondomar necesita un novo espazo accesible e moderno para unha biblioteca nova, polo que haberá que traballar conxuntamente para conseguilo”.

Afirman tamén que lamentan os problemas de comunicación entre Espazo Lectura e o Concello de Gondomar que viñeron dar nesta situación. “A relación das concelleiras e dos concelleiros coas Asociacións, especialmente con aquelas que teñen un programa de actividades tan amplo como Espazo Lectura e enchen de cultura a vida de Gondomar, debe ser fluída e baseada nos principios de respecto, bo trato e colaboración. Xa que logo, debe ser unha prioridade de todo o Goberno Municipal, e principalmente da Concellería responsable, atender debidamente as demandas desta asociación”.

En todo caso, insisten en que Manifesto Miñor nunca foi coñecedor da difícil relación entre o Concello de Gondomar e Espazo Lectura por non ter relación coas áreas que xestionan. “Segundo parece, esta situación vén de lonxe, máis foi agora, a través do comunicado de Espazo Lectura (enviado ás socias e aos socios, entre os que está, por exemplo, o Tenente de Alcalde de Gondomar e Voceiro de Manifesto Miñor no Concello e moitas outras compañeiras e compañeiros) e das redes sociais, cando tivemos coñecemento deste asunto. Con todo, queremos lembrarlle a Espazo Lectura que, coma sempre, seguimos estando a súa disposición para buscarlle unha solución satisfactoria a este desacordo”.

Finalmente, queren expresar o seu apoio a Espazo Lectura, unha asociación que puxo Gondomar e a nosa comarca á vangarda do fomento da lectura e por iso foi galardoada con importantes premios e recoñecementos polo seu labor. “Pola nosa banda, sempre mostramos a nosa vontade de establecer sólidas vías de colaboración que faciliten o desenvolvemento das súas actividades, xa que cremos no seu proxecto vangardista de inculcar nas nosas cativas e nos nosos cativos a paixón pola lectura”.

Anuncios