Anuncios
Ticker de novas

A AD Vincios gaña o torneo Póvoa de Varzim en categoría individual e queda subcampioa por equipos

FOTO: AD VINCIOS

O pasado domingo día 19 de marzo, tras a xornada de liga na que o AD VINCIOS BMC de superdivisión logrou un empate ante L´ESCALE, o equipo formado por Ievgen Pryshchepa, Aaron Wilson e Martín Pintos Barreiro, con Guillaume Neyvoz como adestrador, desprazouse a xogar o torneo de Póvoa de Varzim, considerado un dos torneos máis prestixiosos de Portugal, pois a el acoden os mellores xogadores do país veciño.

Pola mañá xogouse a fase de grupos, na que todos os xogadores do club que estaban a competir pasaron de fase: Martín Pintos Barreiro como segundo de grupo, e Aaron Wilson e Ievgen Pryshchepa como primeiros de grupo.

Pola tarde desenvolveuse a parte final do torneo, na que caeron Martín Pintos Barreiro, na primeira rolda, e Aaron Wilson en oitavos de final.

Ievgen Pryshchepa foi pasando de rolda, xogando a semifinal contra o ex xogador do AD VINCIOS Diogo Silva, que actualmente milita no Toledos portugués. Foi un partido intenso no que Pryshchepa, desenvolvendo un xogo curto, tomaba a iniciativa do ataque, desarbolando así o xogo de Diogo Silva. O resultado deste partido foi 3-0 para Pryshchepa.

A final xogouna o xogador do AD VINCIOS contra Diogo Carvalho, que milita no ARTEAL de Santiago. O primeiro set gañouno Pryshchepa a vantaxes. O segundo set, no que houbo puntos moi bonitos con grandes intercambios, tamén o gañou o xogador ucraíno do AD VINCIOS. O terceiro set gañouno Diogo Carvalho, pero un Pryshchepa moi concentrado, púxose 4-0 no cuarto set, mantendo esa vantaxe ata o final, levándose así o cuarto set, e por tanto o torneo.

Pryshchepa gañou este prestixioso torneo, Diogo Carvalho foi subcampión, e en terceiro lugar quedaron, o ex xogador do AD VINCIOS Diogo Silva e un xogador do Oliveirinha.

Por equipos, sumando as puntuacións de Aaron e de Martín, o equipo do AD VINCIOS logrou un meritorio segundo posto na categoría absoluta.

Anuncios