Sin categoría

O gondomareño Rubén de Lis volve a Galicia co seu disco “ConfraternizaFolk”

O gondomareño Rubén de Lis acaba de publicar o seu novo disco. Despois de varios anos vivindo en Brasil e transitando Europa e o país suramericano, chega en marzo a Galicia co seu proxecto ConfraternizaFolk “Volta a Galicia en 6 Cordas”, cun repertorio de composicións da súa autoría e inéditas.

Trátase dun disco coa guitarra como solista, con nove temas con influencias celtas, irlandesas, escocesas, portuguesas… que podemos escoitar nesta ligazón.

Rubén de Lis naceu o 1 de abril de 1977 en Gondomar. Aos 9 anos xa cantaba no coro da Igrexa, e aos 13 matriculouse no conservatorio e comezou a estudar música clásica no piano e tamén harmonía.

Aos 15 anos xa interesado pola guitarra, mudouse a Madrid e matriculouse na Escola de Música Creativa, nas materias de Flamenco Fussion e Harmonía Moderna. Paralelamente con gran habilidade para a guitarra comeza a traballar como músico profesional en shows en directo e gravando no estudo, percorrendo toda España e parte de Europa con varias bandas e artistas.

De aí en diante, a súa carreira non para. Recibe un premio no ano 2013 como un dos 12 guitarristas de España para formación e representacións en directo no proxecto “Desnudos de Etiquetas” producido por RDM Editorial España, presentando varios estilos como Folk, Jazz, Rock, Blues, Flamenco…

Rubén de Lis tamén traballou na TVG e xa percorreu o mundo enteiro coa súa música; Dubai, Marrocos, Suíza, Austria, Francia, Portugal, Brasil e España.

CONFRATERNIZAFOLK DE RUBÉN DE LIS