Clubs de toda Galicia participarán na III edición do Torneo Basket sen Barreiras do CB Nigrán

FOTO: CB NIGRÁN

O Club Baloncesto Nigrán e a Federación Galega de Baloncesto, en colaboración coa Asociación Española contra o Cancro (AECC), organizan a terceira edición do Torneo Basket sen Barreiras os días 10 e 11 de abril no Pavillón do Colexio de Panxón cun dobre obxectivo: romper obstáculos sociais a través do deporte e recadar fondos para a investigación contra o cancro.

Aínda que a data tope de inscrición de equipos é o 31 de marzo, xa unha semana antes superouse o número de participantes con respecto á edición anterior, coa confirmación a día de hoxe de máis de 20 equipos entre os que se atopan as categorías base do Obradoiro de Santiago, o Pabellón de Ourense, Porriño Baloncesto Basee, Seis do Nadal ou Defensores do Morrazo entre outros.

O torneo desenvolverase ambos os dous días en horario de mañá e tarde. As xornadas de mañá servirán especialmente para visualizar e promover a integración social de persoas con algún tipo de discapacidade. Para iso contarán co Club AMFIV, o Centro Juan María, a asociación ALENTO de dano cerebral e COGAMI, que disputarán diferentes partidos cos xogadores e xogadoras das diferentes categorías do CB Nigrán.

Para as xornadas de tarde habilitaranse 3 pistas nas que xogarán os equipos dos diferentes clubs participantes nas categorías alevín, benxamín e baby. Estas dúas últimas o luns de tarde e a categoría alevín pechando o torneo o martes de tarde.

Cada xogador/a participante realizará un donativo para a loita contra o cancro que será depositado na urna cedida pola Asociación Española contra o Cancro e que se atopará no Pavillón durante os dous días de torneo. Todas as familias de xogadores así como o resto de persoas asistentes poden colaborar con este fin solidario achegando o seu donativo tamén na devandita urna.

Durante os dous días de competición realizaranse sorteos de diferentes agasallos entre os asistentes que consistirán en material deportivo cedido pola Federación Galega de Baloncesto e outros cedidos por empresas da localidade que colaboran co CB Nigrán. Todo o recadado coa venda das rifas para estes sorteos así como o recadado na urna solidaria será entregado unha vez finalizado o Torneo á Asociación Española contra o Cancro para a loita e investigación contra esta enfermidade.