Sin categoría

5.000 corredores tomarán a saída o vindeiro domingo na Vig-Bay

O Auditorio da Sede Central de ABANCA acolleu este luns a presentación do XVIII Medio Maratón Gran Baía Vig-Bay, que terá lugar o vindeiro domingo 2 de abril nos concellos de Vigo, Nigrán e Baiona. O acto contou coa presenza da secretaria xeral para o Deporte da Xunta, Marta Míguez, os alcaldes de Nigrán e Baiona, Juan González e Ángel Rodal, o concelleiro de Deportes de Vigo, Manel Fernández, e Eduardo Vieira por parte da organización.

Os 5.000 corredores participantes partirán desde a Avenida de Samil ás 10:30 horas para completar os 21.097 metros entre Vigo e a meta situada na Rúa Elduayen de Baiona, un percorrido homologado pola Real Federación Española de Atletismo (RFEA).

A máxima responsable do deporte galego na Comunidade destacou que a Vig-Bay é unha proba que consta dun percorrido que discorre “por paraxes espectaculares baixo a atenta mirada das Illas Cíes: un dos nosos mellores patrimonios paisaxísticos”. Por iso, dixo a secretaria, “na Vig-Bay deporte e natureza únense nun binomio perfecto”.

Ao mesmo tempo, a titular de Deporte dixo que esta XVIII edición do medio maratón Vig-Bay demostra que “en 17 anos de historia xa conseguiu ser unha das carreiras populares máis importantes de Galicia, pola afluencia de corredores e pola coidada atención que a organización presta a todo tipo de detalles, por exemplo no que respecta á seguridade”. Neste punto, Marta Míguez recoñeceu o traballo das Forzas e Corpos de Seguridade “que velan porque as competicións transcorran coa maior normalidade”.

A secretaria xeral para o Deporte asegurou nas súas palabras que “as carreiras populares axúdannos no noso labor de instaurar uns hábitos de vida saudables na cidadanía evitando o sedentarismo e as súas consecuencias”. Por todos estes valores, anunciou que “desde a Xunta de Galicia continuamos apoiando esta iniciativa como vimos facendo nos últimos anos”.

Marta Míguez tamén incidiu en “que a Vig-Bay é para todos, pero non é para calquera” e falou da “esixencia de correr 21.097 metros” que “supón un gran esforzo que require adestramento, fortaleza mental e, por suposto, unha correcta hidratación e alimentación”.

A idea inicial deste medio maratón xurdiu como o soño persoal dun coñecido empresario e corredor popular vigués, que nos seus adestramentos adoitaba facer o percorrido pola costa; un percorrido con marcadas connotacións turísticas, paisaxísticas e sociais, nunha área que concentra a máis de trescentos mil habitantes que diariamente se desprazan entre os distintos núcleos urbanos.

A proba ten ademais significativos lazos co deporte base da zona, xa que máis dun centenar de mozos procedentes de clubs deportivos galegos realizarán tarefas de apoio como voluntarios durante a organización da carreira.

2017-03-27 - 270317VIGBAY2