Alberto Meira espera sumar en Noia o seu primeiro triunfo da tempada

Despois de que a tempada comezase cos ralis da Coruña e Lalín, esta semana o Campionato Galego desprázase a Noia, para a celebración dun dos ralis senlleiros do certame rexional, que non en balde cumprirá a súa edición número vinte e tres. Nunha comarca como o Barbanza, onde existe unha inmensa afección, superouse a cota dos 150 inscritos, ata o punto de que varios equipos entraron provisionalmente na lista como “reservas”.

O Rali de Noia contará con catro tramos distintos, que suman algo máis de 117 km cronometrados. Aínda que neles un pode atoparse absolutamente con todo tipo de asfaltos, o certo é que proliferan as zonas onde a potencia pode xogar un factor decisivo, e Meira espera que esa poida ser unha baza ao seu favor: “Creo que este rali pode ser algo máis favorable para nós que os dous anteriores. Basicamente porque o meu coche, pese ao cambio de regulamento que tivo lugar esta tempada, segue sendo algo máis potente que os Ford R5, que teñen outro tipo de vantaxes. Se todo sae ben, será nas zonas rápidas dos tramos onde creo que poderemos ser máis rápidos que os R5, á vez que nas pistas máis rateiras e lentas deberiamos perder menos segundos que os Porsche, aos que haberá que ter moi en conta. Creo que a nosa baza vén marcada pola versatilidade do noso coche, así como de costume pola eficacia dos nosos pneumáticos. Nos dous ralis anteriores a mecánica respondeu á perfección, e confío en que o meu equipo seguirá nesta excelente liña de traballo. Só espero non decepcionarlles. Tamén quero desexar a todos os afeccionados que colaboren coas indicacións de seguridade, para que todos gocemos dun gran día de carreiras”.

Anuncios