Anuncios
Ticker de novas

Marta Canella e Herminio González, mellores deportistas de Baiona

FOTO: MIRIAM RODRÍGUEZ

Baiona viviu este sábado a festa do seu deporte coa celebración da gala na que foron distinguidos os mellores deportistas da tempada 2016. O Auditorio V Centenario acolleu a Gala do Deporte na que como cada ano a Vila homenaxea aos atletas, clubs, eventos e patrocinadores máis destacados do ano anterior.

Marta Canella (Baloncesto) e Herminio González (Rallies) foron finalmente os elixidos polo xurado como mellores deportistas de Baiona en 2016. Entre os candidatos tamén figuraban Sandra Santodomingo (Triatlón), Elena Alfaya (Pádel Surf), Antonio Liébanas (Atletismo, Remo, Triatlón) e Julio Vilas (Baloncesto en cadeira de rodas).

Na categoría de mellores deportistas de base, os premiados foron Jimena Gil Pereira (Fútbol) e Jorge González e Pablo Carneiro (Vela). Ademais, como mellor xunta directiva recibiu o premio o Baíña Fútbol Sala e como mellor evento deportivo o galardón recaeu na proba atlética Vig-Bay. Por último, a empresa Frutas Vilar foi condecorada como mellor patrocinador.

Francisco Javier Suárez Gándara, José Manuel Conde González e o Fútbol Sala Baíña foron este ano os elixidos para recibir as Distincións Especiais que recoñecen a traxectoria de deportistas e entidades deportivas da Vila.

O acto estivo presidido polo alcalde, Ángel Rodal, quen agradeceu a todos os deportistas o esforzo e dedicación ao longo dos últimos meses. “Sempre comparo a vida cunha escalada, porque na vida sempre hai que esforzarse, pero tamén hai moito pracer no traxecto ata a cima, e iso é o importante, desfrutar do camiño e non unicamente da consecución dunha meta”, sinalou o rexedor.

Rodal quixo destacar á localidade coma un “enclave privilexiado” para practicar o deporte, dende especialidades acuáticas, como o Surf ou a Vela, de montaña ou de grandes eventos, como foi o recente paso da Volta a España ou a próxima celebración da Copa das Nacións de Trial. Tamén mencionou as melloras levadas a cabo en instalacións municipais por parte do Concello, da Deputación e da Xunta de Galicia, en especial o pavillón e a pista de Covaterreña e o campo de fútbol municipal do Aral. Ao acto asistiron tamén o delegado de Deportes da Xunta, Daniel Benavides, o alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, e a Tenente Alcalde de Nigrán, Raquel Giráldez, acompañados polos concelleiros de Deportes de ambos os dous municipios, Nuria Lameiro e Luis Sanromán.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios