Gondomar ofrece un obradoiro de queixo fresco no Encontro de Consumo Responsable deste sábado

O Concello de Gondomar celebra este sábado día 25 de marzo un novo Encontro de Consumo Responsable, organizado pola Asociación “O Toxo” de Gondomar e impulsado pola Concellería de Comercio que dirixe Xosé Antón Araúxo.

Están programados quincenalmente para o segundo e cuarto sábado de cada mes na Praza da Alameda desde as 10:00 ata as 14:00 horas. Os compradores poden atopar produtos de horta, sementes, elaborados de mesa, mel, cremas naturais, pan, queixo, artesanía… todo tipo de produtos locais ou agroecolóxicos.

Recollendo a progresiva sensibilización social e crecente demanda de produtos saudables, ecolóxicos, Gondomar é a segunda localidade da Provincia en organizar Encontros de Consumo Responsable, acompañando á cidade de Pontevedra. Os outros puntos pioneiros en Galicia sitúanse en Compostela, Lugo, A Coruña e O Barbanza.

Este novo concepto de consumo e intercambio directo, sen intermediadores que adulteren produtos e prezos, quere propiciar o optimismo vital, o positivismo, por iso se programan actividades culturais diversas. Cada día será unha diferente: música, teatro, maxia…

Este sábado ás 11:30 horas haberá un obradoiro de queixo fresco a cargo da queixeria Que sería de mí sin ti.