Diego Otero e Anxo Uzal proclámanse campión e subcampión de España de loita libre

Os loitadores de Baiona e integrantes do Club de Loita Sabarís, Diego Otero e Anxo Uzal, participaron este sábado na cita máis importante do calendario nacional, o Campionato de España Sénior e Cadete, que se celebrou durante todo o día no Pavillón Municipal de Deportes da cidade de Pontevedra.

Diego Otero proclamouse campión de España cadete de loita libre olímpica na categoría 58kg e Anxo Uzal subcampión en 54kg. Grazas a esta medalla de ouro, Diego ten posibilidades de poder participar nos próximos campionatos de Europa.

Cunhas cifras de record: 550 inscritos, 17 comunidades autónomas, árbitros nacionais e internacionais para dirixir o evento e a retransmisión en streaming do mesmo, foron os mellores alicientes para non perderse esta cita.

Galicia acudiu como anfitrioa a un evento no que aspiraba mellorar o resultado do ano pasado. O obxectivo era proclamarse campioa de España por autonomías, e conseguiuno,a selección galega é campioa de España de loita libre olímpica en categoría cadete e absoluta e a selección feminina campioa de España absoluta.

Galicia contou cun equipo conformado por 60 integrantes entre deportistas, adestradores e árbitros, sendo unha das seleccións máis numerosas do campionato.

Anuncios