Sin categoría

Denuncian unha vertedura de lixo nos arredores do Castro de Chandebrito

A Asociación Veciñal Chandebrito 1807 comunicou este mércores á Comunidade de Montes desta mesma parroquia que o día 20 de marzo varios veciños e veciñas informaron a esta entidade que observaron como se depositaban na entrada e nos arredores do Castro de Chandebrito e en camiños do entorno do mesmo grandes moreas de lixo no que predominaban entullos de obra, ademais de conter restos de plásticos e outros residuos perigosos para a natureza e as persoas. Algúns deles extendéronse pola zona, e os restantes impiden a visitantes e á veciñanza o acceso ao castro, ofrecendo un alto impacto visual e medio ambiental.

Por elo, ao estar en terreos da citada Comunidade, dentro da área de protección do castro, do muiño das Chans e dos cruceiros (bens culturais inventariados no catálogo da Xunta de Galicia), e de conformidade ao que establece a Lei 2/2016 do Solo de Galicia e a Lei 5/2016 do Patrimonio Cultural, pedíuselle á mesma que tomen as medidas que consideren adecuadas, tales como investigar de donde procede o lixo e requerirlle ao responsable da vertedura que a retire.

Asi mesmo, informóuselles que este asunto comunicarase tamén ao Concello de Nigrán, e ao Seprona da Garda Civil, aos efectos oportunos.

Esta Asociación, que leva dez anos promovendo a conservación e valorización do patrimonio cultural e da natureza, non pode permanecer calada ante estas brutais agresións que atentan gravemente contra os valores que defende, polo que levará esta cuestión ata donde sexa preciso.