O Grupo de Desenvolvemento Rural GDR14 xestionará máis de 3 millóns de euros ata 2020

O Salón de Plenos do Concello de Nigrán acolleu esta mañá unha reunión dos máximos representantes das entidades locais do territorio xunto con membros da Deputación de Pontevedra para dar a coñecer a convocatoria de axudas do novo período do LEADER 2014-2020.

O alcalde de Nigrán, Juan A. González Pérez, como anfitrión, foi o encargado de iniciar o acto de difusión do novo Programa LEADER.

Pola súa banda, a Presidenta do Grupo de Desenvolvemento Rural GDR14 e alcaldesa de Tomiño, Sandra González Álvarez, resaltou as características desta nova etapa onde o grupo xestionará máis de 3 millóns de euros ata o 2020, importe que poderíase ampliar con vistas ao ano 2023.

Nesta presentación o equipo técnico do grupo, salientou as peculiaridades e as diferentes liñas de actuación, facendo fincapé tanto nas actuacións de proxectos produtivos coma non produtivos.

Neste acto tamén se presentou a nova imaxe corporativa da asociación, tendo como relevancia o cambio da denominación social da entidade que foi aprobado a semana pasada pola súa Asemblea Xeral de socios, a cal pasará a denominarse a partir de agora Asociación de Desenvolvemento Rural Galicia Suroeste EU Rural.

A difusión do novo Programa LEADER xa está en marcha por todo o territorio do GDR14 formado polos concellos de Baiona, Fornelos de Montes, Gondomar, A Guarda, Mos, Nigrán, Oia, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, O Rosal, Tomiño, e Tui.

Anuncios