Baiona homenaxea este sábado aos seus deportistas

FOTO: CONCELLO DE BAIONA

O Concello de Baiona xa ten todo preparado para celebrar este sábado (19:00 horas) no Auditorio V Centenario o gran día do deporte de Baiona. O alcalde, Ángel Rodal, reuniuse este venres cos concelleiros Raúl Costas e María Jesús Martíns para darlle os últimos retoques a Gala do Deporte que premia cada ano aos deportistas, clubs, institucións e patrocinadores máis destacados da tempada anterior.

Na categoría á Mellor Deportista Feminina de Baiona no ano 2016 chegan nomeadas Sandra Santodomingo (Triatlón), Elena Alfaya (Pádel Surf) e Marta Canella (Baloncesto), mentres que no apartado masculino os elixidos polo xurado son Antonio Liébanas (Atletismo, Remo, Triatlón), Herminio González (Rallies) e Julio Vilas (Baloncesto en cadeira de rodas).

Como Mellor Deportista de Base Masculino figuran promesas do deporte como Cristian Chamorro Silva (Bolos), Jorge González Silva e Pablo Carneiro Claro (Vela) e Diego Otero Míguez (Loita). No apartado de Mellor Deportista de Base Feminina, as finalistas son Jimena Gil Pereira (Fútbol), Silvia Marcote Carneiro (Tiro con Arco) e Andrea Pais Rodríguez (Atletismo).

No tocante á Mellor Xunta Directiva de Baiona destacan tres institucións como o Baíña Fútbol Sala, o FC Erizana e o Club Baloncesto Baiona. No ámbito do Mellor Evento Deportivo a acta do xurado decantouse pola Vig-Bay, o Trail de Montaña e Andar e Correr. Por último, como Mellor Patrocinador os elixidos son Frutas Vilar, La Caixa e Agua Sana.

Como xa informou anteriormente o Concello de Baiona, Francisco Javier Suárez Gándara, José Manuel Conde González e o Fútbol Sala Baíña foron este ano os elixidos para recibir as Distincións Especiais que recoñecen a traxectoria de deportistas e entidades deportivas da Vila.

O Concello de Baiona, a través do departamento de Deportes, estableceu sete categorías para nomear aos mellores deportistas e clubs do ano 2016. Así, sairán gañadores o Mellor Deportista Masculino e Feminino, Mellor Deportista de Base Masculino e Feminino, Mellor Directiva, Mellor Patrocinador e Mellor Evento. Haberá tres finalistas de cada categoría e durante a gala se coñecerán aos gañadores.

Anuncios