Almorzos saudables para 120 escolares do Val Miñor

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

Un total de 120 alumnos de cinco centros escolares do Val Miñor asistiron este xoves a un almorzo ofrecido polo Obradoiro de Emprego “Terras do Miñor V” na Residencia de Tempo Libre de Panxón. Os nenos e nenas asistiron a primeira hora a unha charla da destacada nutricionista miñorana Gloria Pérez para finalmente degustar o almorzo saudable preparado e servido polo alumnado traballador do obradoiro.

Esta quinta edición do Obradoiro de Emprego “Terras do Miñor”, promovido pola Mancomunidade do Val Miñor e subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, estase a desenvolver desde o 1 de decembro de 2016 na Residencia de Tempo Libre de Panxón.

Dentro da programación de actividades, vinte alumnos traballadores (10 de operacións básicas de cociña e 10 de servizos de restaurante), encargáronse de preparar e servir almorzos saudables dirixidos a escolares de colexios públicos dos tres concellos da Mancomunidade do Val Miñor.

“A idea é ir educando na importancia da alimentación saudable e a nutrición”, apuntou o director do obradoiro, José López Rodríguez. O alumnado traballador do Obradoiro de Emprego preparou un taller de froitas que posteriormente ofreceron aos escolares.

Os alumnos e alumnas procedían do CEIP Carlos Casares (2 cursos de 5º de primaria) e CEIP da Cruz (1 curso de 5º e 1 curso de 6º) de Nigrán, do CEIP Chano Piñeiro (2 cursos de 4º de primaria) de Gondomar e do C.P.I Covaterreña (1 curso de 6º de primaria) e CEIP de Fontes-Baíña (1 curso de 5º de primaria).

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios