
O Club Ciclista Rías Baixas volve cruzar a península para retomar a súa participación na Copa de España. Tras a paréntese do pasado fin de semana, o certame máis prestixioso do campo Elite e Sub23 estatal regresa este domingo coa celebración do Ridley – Memorial Pascual Momparler en Villanueva de Castejón (Valencia). O proxecto que preside José Luis Chamorro acode a esta carreira reforzado polo seu bo inicio de tempada.
Moi combativo nas tres anteriores probas puntuables da Copa de España, o conxunto miñorano logrou situar a Diego Tirilonte no Top-10 da clasificación xeral. O corredor cántabro ocupa a décima posición con 164 puntos, polos 322 que acumula o líder Gonzalo Serrano (Caja Rural). Cando aínda faltan seis xornadas por disputar, o mellor clasificado do Club Ciclista Rías Baixas aspira a seguir subindo na táboa.
Tirilonte será en terras valencianas un dos homes fortes da formación dirixida por Marcos Serrano xunto aos escaladores Jesús Nanclares e Rodrigo Enríquez. Os sub23 galegos Lois Rodríguez, Diego González, Jon Ander Tomei e Raúl González completan a aliñación. Na liña de saída daranse cita os 26 equipos oficiais da Copa de España e dous conxuntos invitados.
A quinta edición deste memorial presenta un percorrido diferente ao doutros anos. Se antes caracterizábase polos seus tramos de pavé, agora faio pola dureza das súas subidas. Nos seus 152 quilómetros, os corredores deberán superar tres portos de montaña. Os altos de Calderón (de 3ª categoría), Campello (1ª) e Cumes de Valencia (2ª) están practicamente encadeadas. A cima da última ascensión puntuable atópase a 58 quilómetros da meta. O bandeirazo inicial está previsto para as 09:30 horas e a chegada ao redor das 13:15.