Baiona proxecta o primeiro talaso público de auga de mar en Galicia na antiga cetaria

FOTO: CONCELLO DE BAIONA

O Concello de Baiona recibiu nas últimas horas unha visita de técnicos do Ministerio de Medio Ambiente para visitar a vella cetaria na que está proxectado construír o primeiro SPA público de auga salgada en Galicia con tratamento de algas mariñas dentro do plan “Poseidón 2”.

O rexedor de Baiona e o concelleiro de Vías e Obras, José Ángel Bahamonde, recibiron na Casa do Concello a dúas técnicas do Ministerio de Medio Ambiente e á directora do Grupo de Acción Costeira Ría de Vigo. Tras coñecer os avances feitos grazas ao proxecto “Poseidón 1”, levado a cabo dende 2014, as técnicas se mostraron interesadas en visitar a zona da cetaria para ver “in situ” a nova proposta do Concello.

As enviadas do Ministerio de Medio Ambiente valoraron moi positivamente a idea de construír un “talaso” público con algas mariñas que poida converterse nun novo atractivo da Vila e sexa referente medicinal tanto para os baioneses coma para os turistas.

Segundo explicoulles Rodal, o proxecto presentado pretende dar un paso máis no desenvolvemento da zona, posto que grazas ao “Poseidón 1” xa se conseguira mellorar as instalacións e facer uso das bondades da auga de mar, pero agora intentarán ir máis alá e darlle un uso tópico as algas.

En opinión do rexedor, se o proxecto é validado definitivamente, se acelerarían os traballos ao máximo posible para que puidesen estar finalizados na primavera do próximo ano 2018.

O proxecto “Poseidón 1” permitiu facer obras de saneamento e adecuación do muro da balsa, con accesos para acceder á zona do solario en madeira de pino como elemento de unión co paseo a través dunhas escadas de estrutura metálica e pasos das mesmas características ca plataforma.

Aqueles traballos estiveron cofinanciados polo FEP (Fondo Europeo de Pesca), cun orzamento de 83.702,86 euros, dos cales 55.340,73 euros serían subvencionados nun 75 % por Fondo Europeo de Pesca e o 25 % polo Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente e da Consellería do Medio Rural e do Mar.

Anuncios