Sin categoría

Baiona declarará festivo o primeiro venres de marzo para celebrar a Arribada

O Concello de Baiona declarará festivo local o primeiro venres de marzo de 2018 para celebrar os actos inaugurais do 525 aniversario da Arribada. Ángel Rodal, alcalde de Baiona, informou desta decisión aos representantes da Asociación de Comerciantes e Empresarios (Aceba) na reunión levada a cabo este martes para facer balance da última edición da Festa de Interese Turístico Internacional.

“A medida está enfocada a que todos os baioneses poidan desfrutar tamén da festa o propio venres e está previsto que quede instaurada de aquí en adiante para todas as edicións da festa”, explicou o rexedor.

Tanto o goberno local como os comerciantes, empresarios e Policía Local fixeron un balance positivo da última edición da Arribada, tanto no referente as novas medidas postas en marcha como na boa repercusión para a imaxe de Baiona en todo o territorio nacional.

Todas as partes coincidiron en destacar a celebración coma un éxito a pesar de que non axudou a meteoroloxía. No tocante ao estreo do vaso oficial, os representantes de Aceba valoraron a mellora que supuxo a retirada dos envases de cristal e barro na homoxeneización da imaxe da festa e na limpeza e recollido do lixo xerado durante os tres días de celebracións. Tamén a iniciativa do sentido único peonil foi considerado como un bo inicio para favorecer a mobilidades dos visitantes e se espera que vaia tendo maior acollida en próximos anos.

Durante a reunión tamén comezou a prepararse a edición de 2018 na que se celebrará o 525 aniversario da Arribada, polo que será necesario aínda máis esforzo por parte de todos os colectivos implicados na organización.