Aprobado o expediente para a contratación do programa “Depo en marcha”

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar o expediente para a contratación, mediante procedemento aberto, da xestión, desenvolvemento e execución do programa “Depo en marcha”, ao que este ano a institución provincial destina 120.000 €. A Presidenta da Deputación, Carmela Silva, recordou que o ano pasado participaron no programa preto de 4.000 persoas maiores, xubiladas e pensionistas da provincia de Pontevedra.

Carmela Silva tamén recordou que este programa ten como finalidade favorecer o envellecemento activo das persoas da provincia, a través de oito bloques temáticos de obradoiros, para contribuír a optimizar as oportunidades de saúde, participación e seguridade da terceira idade. Tamén busca establecer relacións sociais e favorecer a participación en actividades que melloren o estado anímico destas persoas; potenciar movementos de participación e de cooperación social; promover espazos de encontro e intercambio de experiencias e favorecer a súa independencia para evitar o illamento e situacións de soidade.

En total, a Deputación de Pontevedra oferta 100 obradoiros dirixidos a entidades de persoas maiores, xubiladas e pensionistas da provincia de Pontevedra estruturados en oito áreas temáticas: “Traballando coas mans” (arte con flores, cestería, elaboración de xabóns, iniciación ao encaixe de palillos, restauración de mobles e tapicería e manualidades), “Entre fogóns” (cociña galega, conservas artesanais, licores caseiros, panadería e repostería e tapiñas e petiscos), “Aprendendo da natureza” (plantas mediciñais), “Móvete” (pilates, ioga, ximnasia de mantemento e zumba), “Activando corpo e mente” (conservando a memoria, musicoterapia, risoterapia e control e manexo da ansiedade e o estrés), “Enredando” (xogos tradicionais e teatro), “Dálle marcha” (bailes de salón, pandeireta e canto popular) e “En rede” (internet, correo electrónico e manexo do móbil, informática- iniciación e informática-avanzado).

As empresas interesadas en optar á execución e posta en marcha do programa “Depo en marcha 2017” terán un prazo de 15 días a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincia.

Anuncios