Anuncios
Ticker de novas

Nigrán destinará 72.000 euros para subvencións a entidades deportivas, culturais e festeiras

FOTO: CRC O TORREIRO DE PRIEGUE

Goberno e oposición do Concello de Nigrán acordaron esta semana unhas novas bases para outorgar subvencións a entidades deportivas, culturais e festeiras do municipio tras dous meses de traballo conxunto. Estes novos pregos serán presentados para a súa aprobación no vindeiro pleno da semana próxima, polo que transcurrirán poucas semanas para que poidan ser solicitadas polas asociacións (tras a aprobación deberán ser publicadas no BOP). O obxectivo é que cos novos cambios introducidos se favoreza aínda máis a concorrencia de organizacións, beneficiando con elo á veciñanza no seu conxunto.

“Nun principio dende o goberno tratamos de aprobalas en xaneiro para que as asociacións poidesen planificarse e acceder a elas canto antes pero non existiu acordo unánime, polo que agora se presentarán melloradas e con consenso absoluto”, sinala o alcalde, Juan González.

As novas bases contemplan unha suba no orzamento de 25.000 a 72.000 euros, triplicando nun só ano a partida destinada a estas axudas. Así, auméntase de 1.500 a 2.000 euros a subvención máxima para os que presenten solicitudes para actividades culturais (25.000 euros en total) e elimínase o máximo de tres proxectos subvencionables. Por outra banda, incorpórase á liña de axudas a actividades festeiras as de fomento do asociacionismo (22.000 euros en total). Neste eido, existe un límite de 2.000 euros para as festas parroquiais e 500 para as demais; mentres que para o fomento do asociacionismo se contemplan ate 100 euros polo abastecemento de auga, electricidade 500 euros… (os criterios para establecer a contía dependerán da poboación beneficiaria do proxecto, número de socios, antigüidade da entidade, emprego do galego…). Finalmente, para as actividades de fomento da práctica deportiva (25.000 euros en total) establécese un mínimo de 1.000 euros por entidad solicitante para participar en competicións oficiais (o 60% do orzamento que dispoñan para este efecto) e por outra banda un máximo de 1.500 euros para a realización de actividades deportivas nas que se valorará a duración, antigüidade da mesma, número de persoas beneficiarias…

“O noso compromiso é de máxima colaboración con todos os colectivos do municipio, que son os grandes promotores das actividades lúdicas, culturais e deportivas, por iso apostamos por manter esta liña de axudas ao longo de todo o mandato”, conclúe o rexedor

No 2016 beneficiáronse destas subvencións as 29 entidades solicitantes, sendo entón requisito indispensable estar inscrito no Rexistro Municipal de Asociacións do Concello cunha antigüidade mínima de 6 meses con respecto á data da convocatoria.

Anuncios