Nigrán convoca un curso de soldadura e outro de excel para desempregados do municipio 

O Concello de Nigrán, continuando coa programación de accións formativas para a veciñanza neste ano 2017, ten prevista a realización este mes de abril dun novo curso de “Soldadura semiautomática MAG/MIG para homologacións 2G e 3G”, e outro de Excel Avanzado, ambos dirixidos de forma prioritaria a persoas desempregadas e empadroadas no municipio. O obxectivo destas accións, sufragadas dende o Concello e polo tanto gratuítas para o alumnado, é ofrecer formación de calidade para ampliar as posibilidades de emprego dos interesados. Así, ambas foron deseñadas dende os servizos técnicos municipais atendendo as demandas máis comúns das empresas (compre salientar que o 50% dos alumnos que realizaron o curso de soldadura anterior acadaron un posto de traballo relacionado antes de finalizar o mesmo).

O curso de soldadura terá unha duración de 330 horas nas que se inclúen módulos específicos de prevención de riscos laborais e de prácticas en empresas, e ten previsto o seu inicio o 6 de abril. Os interesados, que deben ter como mínimo o graduado escolar ou equivalente, adquirirán os coñecementos teórico/prácticos do proceso de soldadura semiautomática MAG-MIG e poderá ser acreditado a través das correspondentes homologacións da European Welding Engineer (EWF). Unha vez presentada a solicitude de inscrición, e tras comprobar o cumprimento dos requisitos mínimos establecidos nesta convocatoria, as persoas aspirantes serán convocadas a un exame realizado pola empresa docente que se anunciará nos distintos taboleiros municipais e que está previsto inicialmente para o martes, 31 de marzo, en instalacións municipais.

Para o curso de “Excel avanzado”, de 15 horas, é preciso acreditar de xeito documental no momento de inscrición ter formación previa nesta aplicación informática. O mesmo se impartirá nas instalacións municipais do Centro Antena Municipal (Rúa Otero Pedrayo, nº 52), do 3 ao 7 de abril, de luns a venres, en horario de 10:30 a 13:30.

Nos dous casos o prazo de inscrición comeza o luns día 20 e remata o venres 24. As persoas interesadas deben presentar a súa solicitude no Rexistro Municipal, cubrindo unha instancia e unha enquisa de selección que estará a súa disposición no propio Rexistro, no Centro Antena Municipal e no Departamento de Desenvolvemento Local de Nigrán e achegando a documentación que se indica en dita solicitude. Aquelas persoas que posúan a acreditación dixital correspondente, tamén poderán inscribirse mediante a plataforma da “Sede Electrónica” do Concello de Nigrán.

Para ampliar esta información, pódese contactar co Departamento de Desenvolvemento Local, no 986 365 000 (extensión 7) e co Centro Antena no teléfono 986 366 572, ou formular as súas preguntas a través dos correos electrónicos tle.nigran@nigran.org, orlaboral@nigran.org e centroantena@nigran.org indicando un teléfono de contacto.

O goberno de Nigrán continúa a planificar novas accións formativas que se irán desenvolvendo ao longo deste ano e que se irán anunciando a medida que estean pechadas.

Anuncios