O goberno provincial propón a adhesión da Deputación ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou este venres que o Goberno provincial presentará no vindeiro Pleno unha proposta para que a institución provincial se adhira ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Este organismo sen ánimo de lucro, no que xa se atopan integrados arredor de 90 concellos de Galicia, máis de 20 deles da provincia de Pontevedra, ademais das Deputacións da Coruña e de Lugo. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade ten por obxectivo reunir aos concellos e outras institucións tanto públicas como privadas para contribuír ao desenvolvemento do Terceiro Mundo a través dun fondo económico que descentralice a cooperación e promova o desenvolvemento sostible.

Carmela Silva asegurou que “hai xente no mundo que vive na pobreza extrema e que non ten acceso nin a auga potable. Precisan do mundo avanzado en recursos para poder saír desa situación e por iso é fundamental para o conxunto do mundo, porque é unha cuestión de valores humanos, que non nos quedemos fríos cando hai xente que morre de fame, sen achegar recursos”. A Presidenta da institución provincial asegurou que “mentres outras administracións recortan as axudas á cooperación internacional, esta adhesión vai supor un paso máis no compromiso deste Goberno provincial na conformación de sociedades máis xustas, nas que se respecten os dereitos de todas e de todos” e asegurou que “é unha obriga das administracións colaborar con aqueles países que teñen serios problemas, que viven nunha situación de pobreza extrema e nos temos que comprometer con eses países”. Por iso, Carmela Silva cualificou de “vergonzoso” que “a Deputación de Pontevedra non formara parte deste organismo”.

Entre os compromisos que asumiría a Deputación de Pontevedra a través da súa adhesión ao Fondo atópanse os de adoptar actitudes e accións que contribúan a construír un mundo máis xusto e solidario, participar en proxectos e programas de cooperación, desenvolvemento e solidariedade internacional, fomentar o encontro de todas as forzas políticas representadas na Corporación para a posta en marcha dos mesmos. Tamén a promover unha aproximación progresiva á dedicación do 0,7% do orzamento como mínimo ás políticas de cooperación, tal como recomenda Nacións Unidas, “algo que o anterior Goberno estatal de José Luis Rodríguez Zapatero tiña acordado e do que non se volveu falar nunca”, sinalou Carmela Silva.

Ademais, a institución provincial tamén se comprometerá como membro do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade a impulsar a coordinación das políticas de cooperación no seo do municipalismo (para que as comunidades de destino actúen como motores do seu propio desenvolvemento), a estimular a sensibilización e comprensión cidadá sobre a necesidade de exercer unha maior solidariedade do Norte co Sur do Planeta, así como a potenciar a súa relación coas ONGs, formar tanto ás persoas cooperantes como ao seu persoal propio e a seguir traballando no eido das políticas de transparencia e igualdade de oportunidades.

Carmela Silva defendeu o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade xa que, segundo dixo, “creo que sumar sinerxías fai que os recursos estean todos nun mesmo lugar e se poidan facer proxectos moito máis interesantes”. Silva asegurou que “é moi importante que exista este Fondo e que participen todas as corporacións” para “permitir que sumen as súas forzas e que distintas sensibilidades políticas poidan participar en establecer as vías a través das que se vai levar a cabo a cooperación internacional”.

Anuncios