Nigrán súmase ao programa «Apego»de socialización da infancia en galego

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN

O Auditorio Municipal de Nigrán acolleu hoxe o acto de sinatura da adenda de novos municipios ao programa Apego, o proxecto para a socialización da infancia en galego púxose en marcha en 2015 desde os servizos de normalización lingüística (SNL) de 12 concellos. Co acto desta mañá (ao que acudiron os respectivos edís e técnicos de cada municipio) incorpórase Nigrán (representado polo propio alcalde, Juan González, que presidiu o acto), O Carballiño, Cee, Lugo, Ponteareas, Sada e Vilagarcía, sumando xa en total 30 adheridos (Ames, A Baña, Carballo, Carnota, A Coruña, Ferrol, Mazaricos, Moaña, Muros, Narón, Negreira, Oleiros, Ourense, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Rianxo, Ribadeo, Rois, Teo, Santiago de Compostela, Vigo e Vimianzo).

O programa «Apego» é un proxecto dirixido a poñer en valor a transmisión da lingua galega aos nenos dende o berce e ata os 6 anos, e a facilitala con apoio, información, recursos, programación de actividades etc. Así, dende o punto de vista material, o Concello de Nigrán entregará a partir de maio a cada neno que naza no municipio unha caixa de benvida cunha mantiña-apego, un álbum de primeiras experiencias, un libro informativo sobre transmisión lingüística e crianza, un adhesivo para o coche, un medidor, un disco de música infantil en galego de diferentes grupos e estilos, etc. O Concello estima que a partir de maio entregará un cento de caixas cada ano (o número habitual de nacementos) e esta deberá ser solicitada polos pais no primeiro ano de vida do neno (é requisito indispensable estar empadroado en Nigrán). Ademais, dende o punto de vista cultural, organizaranse actividades para os máis pequenos (concertos, contacontos, teatro, etc.) e proporcionaráselle de xeito virtual (www.apego.gal) propostas de cancións, xogos, etc. ou vídeos nas que o polbo Po (mascota de Apego) lles ensina ás crianzas xogos para aprender as partes do corpo, atar os cordóns, facer galletas en familia, etc. Finalmente, tamén se levarán a cabo obradoiros formativos dirixidos aos pais.

«Temos un compromiso político coa nosa lingua e queremos promocionar dende o berce o emprego do galego, por iso seguiremos apostando por este tipo de iniciativas», salientou o alcalde de Nigrán, Juan González, quen engadiu que o municipio conta dende hai 7 meses co primeiro Servizo de Normalización Lingüística da súa historia, dirixido por Estela Suárez Recouso.

Despois dos dous primeiros anos de vida e tras esta nova addenda, o proxecto Apego chega agora a unha poboación que supera os 1.300.000 habitantes, entre a que está a das sete cidades galegas e das principais áreas urbanas, onde máis cómpre incentivar e facilitar a socialización en galego da infancia.

Avaliación positiva do programa

Desde os servizos de normalización lingüística (SNL) faise unha avaliación moi positiva do programa, tanto pola acollida ata o momento, como polo número de familias directamente implicadas -xa están adheridas formalmente arredor de 2.000-, polos recursos creados, pola participación nas actividades e polos resultados que se van percibindo.

NIGRÁN ADHÍRESE AO PROGRAMA APEGO
FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN
Anuncios