A Garda Civil detén a un veciño de Nigrán pola subtracción dunha furgoneta

A Garda Civil detivo a un veciño de Nigrán como suposto autor do furto dunha furgoneta que subtraeu coas chaves postas. Acúsaselle tamén da subtracción de varios efectos no interior doutro vehículo.

As investigacións levadas a cabo por efectivos do Posto Principal de Baiona-Nigrán, iniciáronse por mor da denuncia que presentou un veciño de Nigrán pola subtracción dunha furgoneta cando a tiña estacionada nunha céntrica rúa de Nigrán.

Ao ter coñecemento dos feitos a Garda Civil orientou as súas liñas de investigación sobre unha persoa que ese mesmo día fora identificada despois de que a visen no interior dun vehículo que tamén quedara estacionado na rúa coas portas sen pechar con chave. O propietario deste vehículo denunciaría posteriormente a falta dunhas lentes de sol que tiña dentro.

Mantendo as sospeitas sobre esta persoa, a Garda Civil inspeccionou as rúas próximas ao seu domicilio e nunha delas localizouse estacionada a furgoneta que figuraba subtraída. No interior da furgoneta atopáronse as mesmas lentes que foran subtraídas no outro vehículo.

Con estes indicios e o recoñecemento expreso da autoría por parte desta persoa (C.O.C., de 34 anos), procedeuse á súa detención como suposto autor dun delito de furto de uso de vehículo a motor e subtracción de efectos no interior do outro turismo.

O arrestado, que consta cun amplo historial delituoso, quedou en liberdade en sede policial coa obrigación de comparecer ante a autoridade xudicial competente cando sexa citado.