O BNG insta á Xunta a implantar no Val Miñor un servizo de transporte ao CUVI

FOTO: UNIVERSIDADE DE VIGO

O BNG vén de presentar no Parlamento Galego unha proposición non de lei na que se insta ao Goberno da Xunta a implantar un servizo de transporte regular entre os concellos do Val Miñor, Baiona, Gondomar e Nigrán, e o Campus Universitario de Vigo inserido no Transporte Metropolitano da Xunta de Galicia.

A conexión entre o Val Miñor e o Campus Universitario de Vigo, no que corresponde ás facultades situadas en Lagoas-Marcosende e sen ter necesariamente que desprazarse a Vigo, é unha reclamación histórica da comunidade universitaria do Val.

En reunións con representantes do BNG nos tres concellos do Val Miñor, a Federación de ANPAS do Val Miñor (FAVALMI), pon os datos sobre a mesa: nese campus estudan, ademais de profesorado e persoal non docente, 408 alumnos/as do Val Miñor dos que 101 son de Baiona, 116 de Gondomar e 191 de Nigrán, e a maioría vese na obriga de recorrer ao transporte privado.

Constátase, pois, a necesidade de poñer en marcha un servizo regular de transporte público entre os tres concellos do Val Miñor e o Campus Universitario de Vigo, demanda que foi trasladada ao Pleno da Mancomunidade do Val Miñor onde foi apoiada unanimemente, e cuxa implantación lle corresponde á Xunta de Galicia.