Anuncios
Ticker de novas

Mariñeiros de toda Galicia fórmanse en temas de seguridade no Monte Real Club de Yates

FOTO: ROSANA CALVO (MONTE REAL CLUB DE YATES)

O Monte Real Club de Yates acolle estes días unhas xornadas de formación en seguridade en portos deportivos organizadas por Repsol nas que participan traballadores de distintas mariñas de Galicia.

Os asistentes son un grupo de 41 mariñeiros do Real Club Náutico de Portosín, o Porto Deportivo de San Vicente do Mar, a Marina Punta Lagoa, o Real Club Náutico de Vigo, o Porto Deportivo de Baiona e o Monte Real Club de Yates.

O obxectivo das sesións, impartidas polo técnico de asistencia técnica de Repsol, Adrián Pérez, e a técnica en SMAC (Seguridade, Medio Ambiente e Calidade) de Repsol, Rosa Pérez, é que os mariñeiros reciclen as súas competencias en temas de seguridade e boas prácticas, e adquiran os coñecementos necesarios para actuar correctamente en caso de accidente.

Ademais das clases teóricas, nas que se abordan cuestións relativas á normativa actual de seguridade, as xornadas formativas inclúen varias sesións prácticas con exercicios de contención de derrames de combustible e de extinción de incendios.

Foi precisamente esta última práctica, a de sufocar un lume nas instalacións náuticas, a que máis chamou hoxe a atención dos asistentes. Nela participaron tamén os GES de Gondomar, que se achegaron ata Baiona para ensinarlles aos mariñeiros como usar correctamente os distintos métodos de contención dependendo das condicións e o lugar no que se produza o lume.

As xornadas de seguridade organizadas por Repsol no Monte Real Club de Yates empezaron este mércores e continuarán mañá xoves. Na inauguración participaron esta mañá a Xefa de Mariña e Pesca de Repsol para o sur de Galicia, Inés González Megido; e o xerente do Monte Real Club de Yates, Óscar Calero.

Anuncios