Gondomar promove a colocación de trampas contra a vespa velutina

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR

Nesta época do ano é o momento crítico na propagación da vespa velutina, pois é xustamente cando a raíña comeza a súa acción pre-reprodutiva. Por elo, dende a Concellería de Medio Ambiente de Gondomar queren axudar á concienciación e á loita contra esta praga promovendo a colocación dunha sinxela trampa para capturalas, doada de construír. Os interesados poden pasar pola Concellería e comprobalo «in situ».

“A maiores disto, temos un dispositivo moi efectivo contra a proliferación dos niños de velutinas en colaboración cos apicultores do Concello, que de maneira totalmente altruísta e sobre todo efectiva, están sempre atentos á chamada da veciñanza que detecte niños desta praga”, sinala Antonio Araúxo.

Dentro da trampa só hai que introducir calquera destes produtos: 150 ml. de cervexa negra; 150 ml. de viño branco ou 75 ml. de zume de arándanos, grosella ou similar (froitos vermellos), con azucre.

Cómpre lembrar que por cada raíña capturada estamos evitando o nacemento de 47.000 potenciais vespas velutinas.

AVISO SOBRE A VESPA VELUTINA

Anuncios