Anuncios
Ticker de novas

Baiona adxudica obras de saneamento e pavimentación en sete barrios cun investimento de 184.000 €

FOTO: CONCELLO DE BAIONA

O Concello de Baiona vén de adxudicar o contrato do proxecto para mellorar a rede de saneamento, pluviais e pavimentación en sete barrios do municipio cun investimento superior aos 184.000 euros. A empresa Oresa S.L. foi a gañadora do concurso que mellora sustancialmente o prezo de licitación (255.000 euros).

O Plan Concellos 2016 da Deputación de Pontevedra permitirá que sete áreas de Baiona melloren as súas redes de saneamento, pluviais e pavimentación durante os próximos meses. As obras comezarán de inmediato despois de que a compañía gañase o contrato público ao que presentaron ofertas un total de 22 empresas.

“Todas son obras imprescindibles para os veciños, tanto pola ausencia de redes nalgún caso como o estado das mesmas noutros, polo que consideramos apropiado destinar os fondos ás melloras dos barrios para atender tamén as parroquias tal e como comprometemos”, afirmou o alcalde, Ángel Rodal.

As obras levaranse a cabo en A Ponte, O Loureiral, Paseira, Soutiño, As Covas, Camiño do Costal e Camiño do Loureiro, todas elas con carencias na rede de saneamento. Ademais, no caso de O Loureiral, tamén carece de rede de drenaxe de augas pluviais. Pola súa banda, un tramo de Paseira tamén carece de rede de drenaxe de augas pluviais, acumulándose as mesmas na zona central do camiño.

O prazo de execución para as sete obras é de tres meses e en función das labores para instalar as redes de saneamento ou drenaxe, se prevé tamén a reposición do firme dos camiños afectados.

O proxecto inclúe a instalación de colectores de PVC, pozos de rexistro e acometidas domiciliarias. No caso das pavimentacións, acometerase o fresado ou o cambio integral do firme.

Anuncios