Anuncios
Ticker de novas

O Enterro do Kiko pon fin ao Entroido de Nigrán

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O Enterro do Kiko puxo fin este sábado ás actividades do Entroido nigranés. Desde as 15:30 horas púxose en marcha na Praza do Concello “Xogando Miudiño”, un fermoso espazo de xogo libre con brinquedos tradicionais no que se puideron atopar desde os brinquedos clásicos como zancos ou aros, a ferradura, tiracoios, construcións…

Ademais, en Xogando Miudiño houbo un espazo para bebés con mantas de abanear, carriños, cabaliños de balanzo, un espazo de brinquedos sonoros para a exploración musical e un de medios de locomoción e outros pequenos xoguetiños.

Ao remate actuou Cé Orquestra Pantasma, músico autodidacta e apaixonado dos instrumentos musicais, que comezou a súa andaina musical aos oito anos dentro da música tradicional e dende aquela non deixou de navegar polos variados estilos da música popular, chegando a formar parte de grupos tan dispares entre si como A Roda ou a banda de punk Oxtiax ke te Pariu.

Ás 19:00 horas chegou ao centro de Nigrán o carro tradicional galego tirado por dous bois e no que o “Kiko” percorreu as súas rúas, acompañado da música tradicional do Grupo Breogán Valle Miñor e da comparsa “Fantasía Volcánica”, ata o Centro Cultural Parada do Miñor, onde foi velado. Tras a actuación do grupo de gaitas, a charanga “Vaite Xa” e a comparsa, a comitiva fúnebre levouno ata o Torreiro das Festas onde o fogo encargouse de pechar o Entroido de Nigrán.

Esta peculiar celebración naceu como alternativa ao Enterro da Sardiña ante a ausencia de mar en Parada e a presenza de múltiples galiñeiros con “Kicos” na parroquia. Ao longo dos seus oito anos de vida foi adquirindo sona na localidade e o que comezou como unha festa entre veciños, converteuse nunha cita á que cada ano asisten máis persoas. Tanto é así, que esta ave xa forma parte da identidade de Parada e o propio Centro Cultural adoptou a figura do “Kico” como representación da entidade.

“Por segundo ano o Concello de Nigrán e o Centro Cultural de Parada de Miñor únense para despedir o Entroido nunha mestura de tradición, música e sobre todo grande cantidade de sarcasmo e humor negro. O noso obxectivo é que o Enterro do Kiko sexa pouco a pouco un evento dos que non debemos perdernos pola súa orixinalidade e pola gran implicación dos veciños e veciñas de Parada e de Nigrán”, engade Juan González.

O Concello de Nigrán continúa co obxectivo de consolidar o Enterro do Kiko de Parada como peche de Entroido no municipio, co obxectivo de reforzar a súa celebración polo seu arraigo na parroquia e porque despois de oito anos, constitúe xa unha festa de interese público na localidade.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios