Novo trofeo para Mila López na VII Carreira do Taller

Mila López participou este domingo na VII Carreira do Taller, celebrada en Valdebebas (Madrid). A baionesa foi primeira na xeral feminina modalidade handbike, finalizando os 10 km do percorrido en 25’21’’.

“Quero dedicar o trofeo ao mecánico máis habilidoso que non parou ata arranxarme unha das rodas para que puidese correr con elas e a Verónica, alguén que simplemente estaba aí e a quen non coñecía de nada ata que oíu que perdera o dorsal durante a carreira e fixo todo o que puido para que aparecese na clasificación”, destaca Mila.

A Carreira do Taller está promovida pola iniciativa “Ponte a punto: coidar o teu coche é coidar de ti”, xa que consideran que a responsabilidade, individual e compartida, é o fundamento da seguridade viaria. Dos peóns, dos automobilistas e dos profesionais dedicados ao mantemento dos vehículos. O obxectivo da proba é fomentar a cultura do mantemento responsable do vehículo e divulgar hábitos saudables que propicien maiores cotas de seguridade viaria.

“Ponte a punto: coidar o teu coche é coidar de ti” é un movemento impulsado pola Asociación de Talleres de Madrid (Asetra, integrada na española Conepa), co concurso de Motortec Automechanika Madrid (IFEMA), a colaboración do Concello de Madrid (Xunta Municipal de Barallas), Comunidade de Madrid, e Dirección Xeral de Tráfico (DXT).

Anuncios