Baiona, incluída na Rede Mundial de cidades amigas das persoas maiores

FOTO: CONCELLO DE BAIONA

O Concello de Baiona recibiu este venres a boa nova da súa inclusión como novo membro da Rede Mundial de Cidades e Comunidades Amigas da OMS (Organización Mundial de la Salud) , unha organización que en España está coordinada polo Instituto de Mayores y Servicios Sociales (Imserso) e que traballa en todo o mundo para promover “grandes lugares para envellecer”.

O goberno local fixo a petición de entrada na rede a finais do ano pasado despois de que o grupo municipal de Esquerda Unida presentase a solicitude para que a vila formase parte do colectivo. Baiona convértese no primeiro municipio da provincia de Pontevedra en entrar na rede mundial e o terceiro de Galicia despois de Castrelo de Miño e Ourense (en España hai un total de 70 municipios).

A organización fomenta nas cidades e comunidades membros as iniciativas para conseguir crear contornas e servizos que promovan e faciliten un envellecemento activo e saudable. Ademais, pretende conectar cidades e comunidades de todo o mundo para facilitar o intercambio de información e experiencias. Dende a rede apóiase aos municipios e rexións para “atopar solucións a través dunha orientación técnica innovadora e baseada na evidencia”.

“Grazas á iniciativa as persoas maiores de Baiona terán un fío directo co goberno en busca dunha resposta as súas sensibilidades e poderán crearse os espazos que precisen”, apuntou este venres o alcalde, Ángel Rodal.

A rede mundial valorou as medidas tomadas dende o Concello en favor das persoas maiores, tales como os cursos de alfabetización para adultos, de memoria, informática, actividades de ocio, de turismo ou culturais ou instalacións saudables, entre outras.

Tamén foi valorada a labor de Baiona na accesibilidade das persoas maiores, as campañas de prevención do envellecemento postas en marcha polo Centro de Día ou as actividades do Centro Sociocomunitario.

Anuncios