Anuncios
Ticker de novas

A Deputación de Pontevedra mellorará espazos públicos de Nigrán

A Xunta de Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar este venres un novo plan de mellora de espazos públicos en toda a provincia. Este proxecto está dirixido ao acondicionamento funcional e estético de xardíns públicos, parques e outras contornas e áreas de lecer dos municipios pontevedreses e as súas parroquias.

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, sinalou que logo de “pulsar a opinión dos concellos”, se recibiron unha vintena de solicitudes que serán atendidas nesta primeira entrega do plan, que está aberto a novas solicitudes.

Ademais da mellora estética, esta iniciativa provincial busca poñer en valor o traballo que se desenvolve nos distintos servizos da Deputación, caso da Escola de Cantería ou a Estación Fitopatolóxica de Areeiro, entre outros, así coma actuacións combinadas con elementos de xardinería, mobiliario urbano e pezas de cantería artística. Neste senso, esta primeira achega do goberno que preside Silva fará entrega de bancos ou papeleiras aos concellos que así o solicitaron: Arbo, Caldas de Reis, Campo Lameiro, A Estrada, O Grove, A Guarda, Mondariz, Moraña, As Neves, Portas, O Rosal, Silleda e Barro.

Pola súa banda, en A Lama levarase a cabo unha actuación coa Escola de Cantería consistente nun monumento ao emigrante solicitado por este concello. No referido ás accións vinculadas a Areeiro, Lalín solicitou a creación dun espazo de árbores nunha área de desenvolvemento; Meaño a mellora dunha zona axardinada; Pazos axuda para axardinar un entorno e Vila de Cruces a mellora dunha rotonda.

Finalmente, actuacións combinadas entre varios servizos favorecerán a instalación de bancos e mesas con plantación de arborado en Cangas e a mellora vexetal de espazos en Nigrán, onde se colocarán ademais seis bancos.

Cabe sinalar que este plan está dirixido tan só a aqueles espazos que xa existan e que requiran unha mellora, polo que non sería posible solicitar material para a creación de novos espazos, unha finalidade para a que xa existen outras liñas de axuda tales como o Plan Concellos. As obrigas dos concellos serán a recollida do material e instalación e unicamente se poderá facer unha intervención ao ano en cada concello.

Naqueles casos nos que se solicitaron actuacións para a instalación de mobiliario e vexetais, unha vez aceptada a proposta do concello procederase a iniciar o procedemento de doazón dos elementos. Pola súa banda, naqueles municipios nos que se solicitou só entrega de mobiliario, trasladaráselle un formulario que deberán cumprimentar e remitir para iniciar o procedemento administrativo e a doazón das pezas.

Anuncios