Anuncios
Ticker de novas

Un percorrido por Baiona pecha o encontro das Villas Marineras

FOTO: CONCELLO DE BAIONA

A Asociación Villas Marineras reuniuse o pasado martes no Concello de Baiona para a celebración dunha Asemblea Xeral Extraordinaria, presidida pola Alcaldesa de Ribadesella, Charo Fernández Román, actual presidenta da asociación. Tras a cálida benvida ofrecida polo alcalde de Baiona, Ángel Rodal Almuiña, quen asumirá a presidencia a partir do mes de xuño, alcaldes e concelleiros asistiron á presentación, por parte da empresa Bilbomática S.A., do que será a nova web que a asociación activará antes da semana santa.

A partir de aí, a Asemblea desenvolveuse co tratamento de temas internos entre os que se deu o visto e prace para a contratación da consultora Avivae que pasará a desempeñar os labores de xerencia da asociación e elaborará un plan estratéxico que, nun prazo máximo de dous meses, sentará as bases dos futuros proxectos e accións promocionais que desenvolverá “Villas Marineras” durante os dous próximos anos.

Durante a tarde, celebrouse un encontro entre presidentes das asociacións turísticas, dos municipios que conforman “Villas Marineras”, no transcurso do cal se puxeron sobre a mesa os proxectos e iniciativas de cada unha, así como as inquietudes do tecido empresarial sobre o seu papel para desenvolver xunto aos concellos para a mellor promoción dos destinos, manifestando o seu interese por participar nas accións que se puidesen desenvolver.

Na mañá do mércores, Turismo de Baiona ofreceu aos participantes neste encontro un percorrido polos lugares de interese máis importantes do seu municipio completando así o obxectivo final desta reunión: o intercambio de opinións e experiencias e o coñecemento do territorio “Villas Marineras” por parte dos integrantes do mesmo.

As Villas Marineras

O xerme de “Villas Marineras” foron os Plans de Excelencia Turística, orientados a renovar a oferta turística, de que foron obxecto diversas localidades na década dos noventa. Cinco destas vilas, Laredo, San Vicente de la Barquera, Llanes, Ribadesella e Baiona, uníronse no ano 2000 formando o Club de Municipios de Excelencia Turística da España Verde. En 2002, o traballo en común destes municipios, xunto con outros membros que xa non forman parte da asociación, levou á creación de “Villas Marineras”, un produto turístico que quere diferenciarse do resto da oferta pola súa orixinalidade, diversidade e calidade.

Actualmente, estes cinco municipios, xunto con Santoña, que se incorporou anos despois da fundación, seguen mantendo un compromiso de colaboración en rede para a promoción turística dos seus destinos.

Todas estas vilas teñen en común unha serie de características: clima, gastronomía, paisaxe e fundamentalmente un “produto turístico” asociado ao mar. Ao mesmo tempo contan cunha forte personalidade propia que diferencia a cada unha das súas compañeiras, conformando unha oferta variada, coherente e de indiscutible atractivo para o sector turístico.

Anuncios