Anuncios
Ticker de novas

O CEE de Panxón crea un restaurante escolar para financiar a excursión de fin de curso

FOTO: TOLEAMOS (SEN+)

Alumnos e profesores do CEE de Panxón veñen de involucrarse nun novo proxecto ao que denominaron “Toleamos (Sen+)”. Trátase da creación dun restaurante no centro que nace co obxectivo de financiar a excursión de fin de curso, xa que nos dous últimos anos non puideron realizala por falta de cartos.

Tamén nace da posibilidade de contar cun profesor de cociña, Álvaro Rey, e dispoñer dunha nova cociña no colexio grazas ao empeño do seu director, Rafael Lores. “Así, pensando xuntos, xurdiu a idea de que xa estabamos un pouco cansos de cociñar sempre para nós mesmos, que era o momento de cociñar para outros, comensais reais que apreciasen o noso traballo e o noso esforzo”.

Xa tiñan un produto ou servizo con relevancia social: o seu restaurante, e un público auténtico ao que ofrecer ese produto ou brindar ese servizo, o máis importante para iniciar un proxecto. Logo faltaba elixir o nome, deseñar o logo, decidir e calcular o custo do menú, xestionar as reservas, organizar a sala, decorar as mesas e as paredes, organizar a recepción dos comensais e o roupeiro, pensar se pedir un crédito (ou un préstamo), buscar prezos de billetes, entradas, etc., para saber canto diñeiro necesitaban, e repartir as funcións e aprender a realizalas.

“Os profes témolo claro, traballamos dentro dun modelo de enriquecemento para todo o alumnado, o modelo SEM de Renzulli, un ensino e unha aprendizaxe de alto nivel para todos. Dentro dese modelo caben moitas das metodoloxías activas e participativas que poñemos en marcha: aprendizaxe cooperativa, aprendizaxe baseada no pensamento, traballo por proxectos… Tamén require de implicación persoal (tanto de profes como de alumnos) e de altas doses de diversión”.

Para motivarse foron a cear ao CIFP Manuel Antonio e viron outros alumnos traballando como verdadeiros profesionais. Despois chegou o adestramento para a aprendizaxe das distintas funcións, a toma de decisións… e finalmente o produto final: o restaurante xa en marcha cos comensais esixindo un bo servizo.

“Fixemos unha proba e saíu bastante ben, pero agora xa non é unha proba, é o restaurante de verdade, así que hai máis nervios, pero tamén máis ilusión”.

Así, cada xoves do mes de marzo os alumnos e alumnas serán camareiros, cociñeiros, limpadores, recepcionistas…

As reservas para desfrutar desta cea, amenizada ademais por un espectáculo científico en directo, xa están esgotadas.

Anuncios