Sin categoría

O Museo da Navegación de Baiona acolle unha conferencia sobre petróglifos no Val Miñor

A Casa-Museo da Navegación de Baiona acollerá este venres ás 20:00 horas unha conferencia impartida por F. Javier Costas Goberna, especialista en Arte Rupestre, sobre os petróglifos existentes na bisbarra do Val Miñor.

“Petróglifos de barcos na arte rupestre do Val Miñor” é o título da charla que ofrecerá o experto dentro do ciclo de conferencias “A Mar de Historias” que organiza o Museo de Baiona.

Costas Goberna pertence á Asociación Costa dos Castros que este ano arrancou co inicio dos labores de limpeza de vexetación no entorno do petróglifo de Auga dos Cebros, que representa unha embarcación mediterránea. Esta intervención, que se desenvolve en monte comunal na zona do Viveiro, na parroquia de Pedornes, foi posible grazas ás achegas económicas das persoas que colaboraron nas campañas de crowdfunding.

Auga dos Cebros é un dos petróglifos de maior importancia da bisbarra e único da fachada atlántica europea no que se representa un barco cunhas formas que coinciden coas dos modelos mediterráneos do II Milenio a.C., polo que mostra a existencia de relacións entre as culturas atlánticas e as do Mediterráneo xa desde épocas prehistóricas, de aí a importancia desta xoia arqueolóxica da Costa dos Castros.