Gondomar celebra o Día da Muller cunha concentración e a carreira a prol da corresponsabilidade

FOTO: CONCELLO DE GONDOMAR

A Concellería de Igualdade dirixida por Nuria Lameiro e o CIM (Centro de Información á Muller) organizan unha concentración o día 8 de marzo na Praza do Concello e a carreira a prol da corresponsabilidade con alumnos e alumnas de instituto o día 10.

A concentración convocada para mañá, Día da Muller Traballadora, terá lugar ás 12:00 horas fronte ao Concello, onde se fará lectura dun manifesto, acudindo ademais da Concelleira de Igualdade, o Alcalde, Paco Ferreira, e a corporación municipal.

A quinta carreira a favor da corresponsabilidade, cofinanciada pola Deputación de Pontevedra, terá lugar o venres día 10 ás 12:00 horas, e nela participarán os alumnos de terceiro da ESO dos Institutos de Gondomar, Terra de Turonio e Auga da Laxe, un total de 130 estudantes.

Os estudantes percorrerán as rúas da vila condal en parellas mixtas unidos por unha goma, deberán recoller unha proba no “checkpoint” e resolvela mentres chegan á meta. As tres primeiras parellas en chegar coa solución correcta á meta pasarán á proba seguinte.

A seguinte proba, desenvolverase no Polideportivo de Gondomar, e consiste en superar unha serie de actividades ante un xurado que votará a execución que leven a cabo as parellas. Esta é unha proba eliminatoria, polo que serán dúas as parellas que pasen á última fase. Unha vez finalizado o concurso, no que o público xogará un papel fundamental co comodín de axuda que poidan prestar aos participantes, farase entrega dos premios.

Ademais, no mes de abril, continuando cos actos deste día, a axente de igualdade do CIM acompañada da Concelleira de Igualdade e o Alcalde pasará polos colexios CEIP Chano Piñeiro, CEP Neira Vilas, CEIP Serra de Vincios e CEIP Souto Donas para ler cos nenos de primaria o libro “Os Bolechas no camiño da Igualdade”, libro do Concello de Gondomar presentado o día 25 de novembro do pasado ano xunto ao seu autor Pepe Carreiro. Farase entrega de exemplares da obra nos colexios.