O Club Ciclista Rías Baixas, sexto na clasificación por equipos da Aiztondo Klasikoa

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS

Na segunda proba puntuable da Copa de España Elite e Sub23 o Club Ciclista Rías Baixas volveu deixar o seu selo de conxunto combativo. Jesús Nanclares tentouno de lonxe e marchou fuxido durante preto de 50 quilómetros. O berciano ocupou a duodécima posición na liña de meta da Aiztondo Klasikoa, sendo o representante máis destacado da entidade presidida por José Luis Chamorro, que logrou a sexta praza na clasificación por equipos.

Os 136 quilómetros de percorrido pola provincia de Guipúscoa, con saída en Aduna e meta en Villabona, incluían oito portos puntuables. Polos dous primeiros Jesús Nanclares pasou en segunda posición. O berciano protagonizou unha escapada xunto a Goikoetxea (Ampo) e Aleksiu (Lokosphinx). Saltaron no quilómetro 20 e estiveron en fuga durante preto de 50 quilómetros. Chegaron a gozar dunha vantaxe superior aos dous minutos.

O movemento dos favoritos á vitoria no ecuador da xornada provocou que o terceto fose absorvido. A partir de aí, Nanclares formou parte do grupo de 17 corredores que dominou a carreira. O corredor de Bembibre descolgouse nos últimos quilómetros e terminou duodécimo a dous minutos de Gonzalo Serrano (Caja Rural). O líder da Copa de España repetiu vitoria tras a lograda o domingo anterior en Don Benito.

A catro minutos do vencedor concluíu Rodrigo Enríquez, na 18ª posición, dando tempo a un grupo no que tamén entrou o seu compañeiro da estrutura miñorana Diego Tirilonte (23º). Raúl González, 62º a 7:38, e Diego González, 73º a 10 minutos, tamén alcanzaron a liña de meta.

Esta actuación colectiva permitiu aos pupilos de Marcos Serrano situarse na sexta posición na clasificación por equipos.

Alfaraz, undécimo en Olías

O Club Ciclista Rías Baixas tamén contou con representación este domingo no Trofeo Olías Industrial celebrado na provincia de Toledo. Borja Alfaraz obtivo a undécima posición a 56″ do gañador Mario Carrasco (Gsport). Alejandro Abellón, que debutaba na categoría, concluíu 53º a 5:28 tras 124 quilómetros.