O CB Nigrán recolle os froitos de 3 anos de intenso traballo

FOTO: CB NIGRÁN

O Club Baloncesto Nigrán está a pasar pola mellor das súas tempadas no que a resultados deportivos refírese desde que hai 3 anos reiniciase a súa andaina deportiva de mans dunha nova directiva. Os seis equipos que teñen en competición están a obter uns magníficos resultados.

O equipo infantil feminino conseguiu meterse no primeiro grupo durante a primeira fase da liga, onde se atopa agora pelexando do primeiro ao sexto posto. A pesar de que está a ser unha competición dura están a pelexar sen complexos ante equipos cunha ampla experiencia competitiva como Porriño ou Apóstol. O mérito deste equipo aínda é máis importante se temos en conta que se trata dun equipo onde a maioría das súas xogadoras apenas levan uns meses xogando ao baloncesto e sendo algunhas delas alevíns. Saben que a súa inexperiencia non lles vai a permitir alcanzar o primeiro posto da clasificación, pero estar aí entre os 6 mellores é o maior dos premios ao seu magnífico esforzo.

Os equipos cadete feminino e infantil masculino tampouco quedan atrás, ambos se clasificaron na primeira fase nun máis que digno cuarto posto e atópanse agora en plena segunda fase pelexando con ganas e mellorando o seu xogo día a día.

E os éxitos chegan tamén no minibasket, onde o club ten 3 equipos en competición entre os que se atopa o equipo alevín, que se mantén invicto ocupando o primeiro posto da táboa.

Desde o club seguen compatibilizando ademais a actividade federada co traballo nas escolas deportivas que o club teñen nos diferentes colexios de Nigrán, onde seguen formando a xogadores e xogadoras, moitos dos cales entran aos poucos a formar parte dos seus equipos federados. Este labor de deporte de base vese completada co traballo que a directora deportiva do CB Nigrán, Nuria Gómez, desenvolve nas escolas deportivas de baloncesto en Gondomar, Concello no que non hai club de baloncesto, pero onde hai unha demanda polo deporte da canastra.

Outro dos aspectos que non descoidan no club e que consideran un alicerce básico na formación dos seus xogadores e xogadoras é o tema social. Desde o club colaboran ao longo da tempada con outras entidades como o AMFIV, o Banco de Alimentos, ALENTO, COGAMI, a Asociación Española contra o Cancro, o Centro Juan María ou Cáritas, entidades coas que colaboran en diferentes actividades. Un exemplo diso é o torneo «Basket sen Barreiras», do que preparan xa a súa III edición en colaboración coa Federación Galega de Baloncesto, coa que xa organizaron conxuntamente algún evento deportivo.

Desde o CB Nigrán móstranse moi satisfeitos con estes magníficos resultados que veñen reafirmar o excelente traballo levado a cabo ao longo destes 3 últimos anos. Unha filosofía de traballo baseada no respecto ás individualidades de cada un dos seus xogadores e xogadoras, un club no que todos e todas xogan porque se lle esixe a cada neno ou nena sempre en función das súas posibilidades.