Anuncios
Ticker de novas

CABE oponse á entrada de Gondomar no actual Plan de Transporte Metropolitano

O goberno de Gondomar vén de aceptar a entrada do municipio no Plan de Transporte Metropolitano da Xunta de Galicia cun custo de preto de 90.000 euros nos próximos tres anos. Este diñeiro irá a mans da Xunta e indirectamente ás empresas de transporte, responsables ambas as dúas partes segundo Gondomar Concello Aberto “do pésimo servizo de transporte urbano que sufrimos no noso Concello, gástase sen ter por contrapartida a obtención de mellora algunha no servizo”.

CABE lembra que coa entrada no Plan de Transporte Metropolitano Gondomar seguirá sen ter un servizo directo con Vigo, xa que non se dá solución ao histórico conflito da concesión a dúas empresas, e non se garante ningún novo servizo que solucione as graves deficiencias actuais como o transporte entre a vila e as parroquias, a falta de transporte ao campus da Universidade de Vigo ou un inadecuado transporte entre as vilas do Val Miñor. Así mesmo, continuará a mala planificación do transporte escolar, deixado na man das concesionarias.

“Pola contra, a única contraprestación obtida é unha subvención universal no prezo do billete, que chega ao 100% no caso dos menores de 19 anos”, engaden desde Gondomar Concello Aberto.

CABE oponse á entrada neste Plan de Transporte da Xunta nas condicións nas que vén proposto, xa que se mostra contrario ás subvencións lineais e universais e á falta dun estudo de necesidades do transporte que dea lugar a unha planificación adecuada a nivel municipal, incluíndo o transporte mediante empresas concesionarias, o servizo de taxis e posibles medios propios. “Este sería o punto de partida para negociar a nosa entrada, de ser o caso, no Plan da Xunta”.

Gondomar Concello Aberto tamén considera necesario un estudo económico que avalíe se a cantidade exposta (case 90.000 euros en 3 anos) supoñería un retorno adecuado, ou pola contra, “estariamos a lle regalar diñeiro á Xunta e posiblemente ás concesionarias actuais”.

O principal problema para CABE é a falta absoluta de planificación por parte do Concello, implicando descoñecemento e análise da realidade, a improvisación, o seguidismo de certas política e políticos do actual equipo de goberno, co alcalde á fronte.

“Pongámonos a traballar por Gondomar con sentido e seriedade desde a participación veciñal e non xoguemos alegremente co diñeiro e as verdadeiras necesidades dos veciños e veciñas”, conclúen.

Anuncios