Anuncios
Ticker de novas

A Festa da Arribada a vista de dron

FOTO: CONCELLO DE BAIONA

Por terceiro ano consecutivo o posto avanzado da Axencia Galega de Emerxencias 112 coordina todas as actuacións de seguridade da Festa da Arribada desde Baiona e non desde Santiago como se viña facendo ata entón.

O Concello dispuxo un operativo especial de emerxencias durante os días 3, 4 e 5 de marzo, na que é a XXII edición da festa por excelencia do municipio, declarada de Interese Turístico Internacional.

Un total de 200 efectivos da Policía Local -de Baiona, O Rosal, Vilaboa, Vigo, Cambados, Ponteareas e Pontecaldelas-, Garda Civil, Policía Autonómica, Protección Civil, Grupo de Emerxencias Supramunicipal e Axencia Galega de Emerxencias participan nun dispositivo de seguridade que conta por primeira vez cun hospital de campaña móbil e un posto médico cunha resposta de minuto e medio dende o aviso a calquera lugar da vila que o precise.

Trátase dun servizo pioneiro en España, un autobús de tipo urbano, acondicionado como hospital de campaña móbil con capacidade para atender a catro pacientes (dous postos de críticos e dous de asistencia de soporte básico) de forma simultánea no seu interior, permitindo unha enorme vantaxe para unha asistencia sanitaria de calidade, facilitando tanto o traballo de persoal médico, así como garantindo a seguridade do paciente.

Ademais, hai a posibilidade de instalar unha carpa na vía pública en caso de necesidade e tamén estará dispoñible un vehículo deseñado para unha primeira asistencia in-situ do persoal médico e sanitario e dúas ambulancias.

Todo coordinado a través do posto avanzado do 112, un camión equipado cos equipos máis avanzados tecnicamente que permite aos responsables adoptar as decisións sobre o terreo, contar con información a tempo real e un espazo propio no que reunirse, utilizando drons cos que se controla o tráfico de vehículos e de persoas.

O vehículo, valorado nun millón de euros que cedeu á Xunta a Obra Social de La Caixa e cuxo equipamento é o máis avanzado que existe en Europa, dispón dun habitáculo de 30 metros cadrados que se dividen nunha sala de xestión operativa e outra de reunións, de forma que permite albergar os técnicos e responsables de coordinación, así como o persoal encargado de enviar e recibir a información.

A unidade está deseñada para ser autosuficiente, un factor que se pretende garantir a través da implantación de sistemas de seguridade redundantes, de modo que, se falla un deles, exista outro de substitución.

Conta con dous xeradores eléctricos e, á parte de comunicación por radio, teléfono, UMTS, GPRS, GSM e televisión, dispón de conexión vía satélite para asegurar en todo momento a recepción e emisión de información, aínda que non haxa cobertura ou prodúzase unha situación de dificultade. O camión ten dous días de autonomía co depósito cheo de combustible.

Anuncios