Anuncios
Ticker de novas

O alcalde de Baiona destaca a Festa da Arribada como símbolo de “unión e traballo”

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

O Concello de Baiona abriu este venres a XXII Festa da Arribada que converterá a Real Vila nun grande Mercado Medieval durante toda a fin de semana. Os canonazos dende a Fortaleza declararon oficialmente aberta a Festa de Interese de Turístico Internacional que este ano conmemora o 524 aniversario da chegada da Carabela A Pinta á praia da Ribeira.

“A Arribada é sinónimo de unión e traballo, todo o pobo somos un e a súas xentes e o seus colectivos únense moitos foráneos que tamén a viven como se fose súa”, afirmou Ángel Rodal durante o seu discurso no Salón Medieval do Parador Nacional Conde de Gondomar.

O alcalde presidiu os actos aos que asistiron o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, entra outras autoridades. Tamén estiveron presentes os representantes dos pobos irmandados de Palos de la Frontera (Huelva), Santa Fe (Granada), Vila do Bispo (Portugal), Pornic (Francia) e Rafael Freyre (Cuba).

Rodal deu a benvida a todos os asistentes e agradeceu os esforzos a todos os servizos implicados, dende a Subdelegación do Goberno, Garda Civil, Forzas Armadas, grupo operativo de Emerxencias do Val Miñor e policías locais de Baiona, O Rosal, Vilaboa, Vigo, Cambados, Ponteareas e Pontecaldelas. Tamén tivo verbas para lembrar ás xentes da mar falecidas durante o último ano e fixo referencia aos alcaldes de Palos de la Frontera recentemente desaparecidos, Pilar Pulgar e Urbano Cortegano. “Dúas persoas vitais nos irmandamentos, a primeira alcaldesa da democracia en España e persoa fundamental no V Centenario do Descubrimento, e o alcalde que firmou en agosto de 1975 o Irmandamento entre Palos de la Frontera e Baiona, o seu traballo quedará para sempre”, sinalou Rodal.

O alcalde tamén tivo unha lembranza especial para o mariñeiro que dá sentido á Festa da Arribada. “Non quero esquecer ao gran protagonista de cada 1 de marzo, o gran navegante Palermo Martín Alonso Pinzón, que situou con letras maiúsculas a historia da Humanidade que homenaxeamos neste acto”, dixo. “¡¡¡Benvidos a Baiona e Viva a Arribada!!!”, rematou Rodal.

A Misa Solemne na igrexa de Santa María e a exposición sobre a carpintería de ribeira no Casal do Rexemento (Casa do Concello) foron os primeiros actos da Festa da Arriba a mañá deste venres. Xa pola tarde, no Parador Conde de Gondomar, foi o momento da recepción de autoridades e a homenaxe ao Capitán Martín Alonso Pinzón.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios