Anuncios
Ticker de novas

Carmela Silva destaca a capacidade da Arribada de tender pontes entre culturas

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

A Presidenta da Deputación de Pontevedra participou esta tarde no acto de arranque da Festa da Arribada de Baiona, declarada de Interese Turístico Internacional en outubro de 2015, poñendo en valor a capacidade de Baiona “para tender pontes entre culturas e impulsar a multiculturalidade, a integración e o respecto á diferenza, que tanto nos enriquece e nos fai persoas mellores, máis cultas, solidarias e decentes”.

Carmela Silva destacou que a Festa da Arribada conmemora a chegada, fai xa 524, da Carabela Pinta ata Baiona coas novas do descubrimento dun novo continente, América, “un feito excepcional que marcou a historia da humanidade”. Tamén engadiu Silva que “nestes tempos convulsos e difíciles, nos que algúns queren crear muros, Baiona semella un arco de luz porque dende aquí queremos crear pontes de unión, como as que se crearon fai 524 anos, e non muros; queremos que Baiona sega a ser ese punto de encontro no que se integren as culturas e os desexos comúns dunha vida mellor para todas e todos”.

A Presidenta provincial subliñou a relación de irmandade e os grandes acordos con este novo continente, recordando tamén “algúns erros e situacións que recoñecemos pero que teñen menos peso que todo o que significa América para nós, para as galegas e os galegos particularmente”. Neste contexto fixo mención á emigración e ó éxodo de moitas galegas e galegos que, escapando da miseria e da represión política, chegaron a América onde foron recibidos cos brazos abertos. “Por iso -manifestou Carmela Silva- nós lle temos tanto aprecio a América e ten tanto valor recordar aquel día no que Martín Alonso Pinzón fixo coñecer ó mundo que existía un grande continente ó outro lado do Atlántico”.

Pola súa banda, a Presidenta da Deputación rematou a súa intervención animando a todas as veciñas e veciños da provincia a “gozar desta grande festa que é o orgullo de Baiona, pero tamén de toda Galicia e España”.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios