Baiona xa está preparada para a XXII Festa da Arribada

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ

As rúas de Baiona xa están preparadas para regresar esta fin de semana ao Medievo e conmemorar a noticia do Descubrimento de América. O Concello rematou este xoves todos os preparativos para converterse entre este venres e o domingo nun espectacular teatro ao aire libre no que é posible trasladarse cinco séculos atrás grazas á XXII Festa da Arribada.

A Misa Solemne (12:00 horas) na igrexa de Santa María e a exposición sobre a carpintería de ribeira (13:00) no Casal do Rexemento (Casa do Concello) serán os primeiros actos do venres. Xa pola tarde (17:45 horas), no Parador Conde de Gondomar, será o momento da recepción de autoridades e a homenaxe ao Capitán Marín Alonso Pinzón.

O alcalde, Ángel Rodal, presidirá os actos aos que xa confirmaron a súa asistencia o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, entra outras autoridades. Tamén estarán presentes os representantes dos pobos irmandados de Palos de la Frontera (Huelva), Santa Fe (Granada), Vila do Bispo (Portugal), Pornic (Francia) e Rafael Freyre (Cuba).

“É o momento de desfrutar do traballo feito durante un ano e todo está xa preparado. Quero invitar a todos os nosos visitantes a revivir a chegada da carabela A Pinta e soñar con histórico momento da Arribada”, sinalou este xoves Ángel Rodal.

Nas últimas horas completáronse os traballos para a apertura do Real Mercado no Casco Vello, que este ano crece ata a rúa Marqués de Quintanar con máis de 200 postos, e tamén ultimáronse os ensaios das representacións teatrais na Praia da Ribeira. Ademais, este xoves, inaugurouse a mostra de traxes tradicionais no Liceo Marítimo e a historiadora Luisa Pazos impartiu unha conferencia no Monte Real Club de Yates.

Homenaxe a Pinzón

Xa o sábado, a partires das 11:00 horas no Paseo Pinzón será o momento para o descubrimento da placa conmemorativa do capitán da Carabela A Pinta coa actuación do Coro “Amigos de Milagros” de Palos de la Frontera. Ás 11:30 horas, no Paseo da Ribeira, haberá unha visita ás Paradas dos Pobos Irmáns: Palos de la Frontera, Santa Fe, Pornic, Vila do Bispo e Baiona, e ás 12:00 horas celebrarase o Gran Desfile Medieval polo Real Mercado coa participación de toda a animación da Festa da Arribada.

Dispositivo de seguridade
Un total de 200 efectivos da Policía Local, Garda Civil, Policía Autonómica, Protección Civil, Grupo de Emerxencia Supramunicipal e Axencia Galega de Emerxencias participarán nun dispositivo de seguridade que contará por primeira vez cun hospital de campaña móbil e un posto médico cunha resposta de minuto e medio dende o aviso a calquera lugar da vila que o precise.

Ademais, o posto de mando avanzado da Axencia Galega de Emerxencias estará esta vez situado no porto pesqueiro e dende alí coordinarase todo o plan de seguridade grazas a utilización de drons cos que controlará o tráfico de vehículos e de persoas.

Sentido único e vaso oficial

A gran novidade nesta edición será o deseño dun sentido único de circulación para os peóns nas principais rúas do Casco Histórico. A medida, aprobada a proposta da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (Aceba), ten como obxectivo facer máis fluído o tránsito no casco vello e facilitar a mobilidade.

Ademais, tamén este ano estréase o vaso oficial da Arribada. Trátase dun envase de cartón co logo da festa que permite eliminar definitivamente das rúas os vasos de cristal e barro que complicaban máis a recollida do lixo.