Anuncios
Ticker de novas

Gondomar Concello Aberto denuncia o incumprimento dos horarios dos autobuses de Melytour

Melytour publicita na súa páxina web que existe un servizo de autobús os domingos de Vigo a Gondomar ás 20:00 horas, de Gondomar a Vigo ás 20:30 e novamente de Vigo a Gondomar ás 21:00 horas. Malia este anuncio, a realidade é que a empresa fai as tres rutas co mesmo condutor e o mesmo autobús, co que lle é imposible chegar a tempo (o percorrido é de 45 minutos aproximadamente) e vai acumulando retrasos: o autobús das 21:00 horas dos domingos, na práctica non sae ata as 21:30.

Como xa denunciou Gondomar Concello Aberto, a entrada de Gondomar no plan de transporte da Xunta non soluciona o transporte para a xente de Gondomar. “Ademais do histórico problema de Mañufe, temos unha concesionaria que desobedece reiteradamente as súas obrigas, deixando sen transporte a 4 parroquias durante 3 meses ou incumprindo os seus horarios sistematicamente, e aínda por riba estamos a subvencionala con 90.000 euros de todos e todas as veciñas de Gondomar”, sinala Jimena Varela.

Dende CABE farán constar esta queixa á Dirección Xeral de Mobilidade da Xunta de Galicia, solicitando que se inspeccione o servizo prestado por Melytour e se estuden posibles sancións.

Anuncios