Anuncios
Ticker de novas

A Festa da Arribada contará cun hospital de campaña móbil

A XXII Festa da Arribada contará por primeira vez cun hospital de campaña móbil para garantir a inmediata resposta en caso de calquera emerxencia médica que se produza en Baiona entre o 3 e o 5 de marzo. O operativo estará instalado no Porto Pesqueiro, xunto ao Posto de Mando Avanzado da Axencia Galega de Emerxencias (Axega), de maneira que todos os servizos de urxencias estarán coordinados.

“A nosa maior prioridade é a seguridade e por iso nesta ocasión aumentaremos a dotación médica para que o servizo sexa o máis rápido posible en caso de calquera emerxencia”, explica María Iglesias, concelleira de Cultura e 1ª Tenente de Alcalde de Baiona.

Con este obxectivo, o Concello de Baiona estreará nesta edición da Arribada un dispositivo completo que inclúe un posto móbil avanzado. Trátase dun servizo pioneiro en España, un autobús de tipo urbano, acondicionado como hospital de campaña móbil con capacidade para atender a catro pacientes (dous postos de críticos e dous de asistencia de soporte básico) de forma simultánea no seu interior, permitindo unha enorme vantaxe para unha asistencia sanitaria de calidade, facilitando tanto o traballo de persoal médico, así como garantindo a seguridade do paciente.

Ademais, haberá posibilidade de instalar unha carpa na vía pública en caso de necesidade e tamén estará dispoñible un vehículo deseñado para unha primeira asistencia in-situ do persoal médico e sanitario e dúas ambulancias. O posto médico terá unha resposta de minuto e medio dende o aviso a calquera lugar da vila que o precise.

Pola súa banda, o posto de mando avanzado da Axencia Galega de Emerxencias (Axega) estará situado no mesmo Porto Pesqueiro de Baiona e dende alí coordinarase todo o plan de seguridade grazas á utilización de drons cos que Axega controlará o tráfico de vehículos e de persoas.

“En Galicia tan só hai nove festas de interese turístico internacional e iso obríganos a estar á altura, especialmente en canto á seguridade, para que todos os nosos visitantes desfruten da festa sen ningún problema, polo que agradezo o compromiso de todos os corpos e forzas de seguridade”, afirmou o alcalde, Ángel Rodal.

En total 200 efectivos da Policía Local, Garda Civil, Policía Autonómica, Protección Civil, Grupo de Emerxencias Supramunicipal e Axencia Galega de Emerxencias participarán do 3 ao 5 de marzo no dispositivo de seguridade da XXII Festa da Arribada.

Anuncios