Anuncios
Ticker de novas

A Xunta alerta dun temporal de nivel laranxa que afectará a todo o litoral galego

FOTO: PEPE COSTAS // Ondada na Concheira.

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia da Xunta alerta dun temporal costeiro de nivel laranxa que afectará o litoral de toda a comunidade a partir de hoxe.

Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), a partir das 14 horas espérase nas franxas costeiras do noroeste e oeste da provincia da Coruña e en todo o litoral da provincia de Lugo, mar combinada do noroeste de 5 a 7 metros aumentando ao avanzar a tarde a 7 a 8 metros na área de Ortegal-Bares e mar adentro. Este fenómeno está previsto que se estenda tamén a franxa costeira do suroeste da provincia da Coruña e ao litoral de Pontevedra a partir das 21 horas.

Por este motivo, e co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, a través do Centro de Atención ás Emerxencias 112 Galicia, informou da situación aos concellos das provincias afectadas; ás Deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros. Deste xeito, agárdase que se adopten as medidas oportunas para garantir a seguridade dos bens e das persoas.

Tamén se lle recorda á poboación a importancia de seguir as medidas de protección como evitar aproximarse a diques ou rompentes co fin de previr un eventual golpe de mar que poida arrastrar persoas ou obxectos ou vixiar posibles caídas de obxectos desde balcóns e fiestras. Permanecer lonxe da costa, praias, rompentes, paseos marítimos, espigóns, peiraos ou todas aquelas zonas que podan ser varridas polo mar. Ademais, aconséllase consultar a páxina web do CAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con enlaces de interese.

Anuncios