O Concello de Nigrán arrancou este sábado a programación de entroido co concurso de comparsas no centro do municipio. Finalmente foron 7, das 14 inscritas, as comparsas que percorreron a rúa Rosalía de Castro desde o cruce con rúa Telleira ata a estrada do Ceán, realizando cada unha delas unha actuación á altura da Casa Consistorial, onde o xurado as avaliou.
O evento estivo presentado polo monologuista Pablo Chichas, e o grupo nigranés de rock “Black Stereo” foi o encargado de poñer o broche de ouro a unha noite de troula.
O terceiro premio, de 400 euros, foi para “Fantasía Volcánica de Parada”, do Centro Cultural e Recreativo Parada do Miñor de Nigrán. O segundo, de 500 euros, recaeu na comparsa “Conquista Vikinga”, da Asociación Cultural Revolución Show de Tomiño. E os 600 euros do primeiro premio foron para Comparsa Purpurina e o Centro Juan María de Nigrán, con “Descalcienta”.
A comparsa “Dulces”, da Asociación de Veciños A Unión de San Pedro da Ramallosa, ocupou o sétimo posto, con 200 euros. O Centro Cultural e Social de Baíña levou o sexto premio, de 250 euros, coa comparsa “Danzas do Bosque”. O quinto premio, de 300 euros, foi para “A Tropa do Cruceiro”, de San Miguel de Oia. Finalmente, os 350 euros do cuarto premio foron para a comparsa “Duendeoiavai” do Club As Lebres de Oia.
Cada unha das comparsas pertencentes a asociacións culturais, deportivas e veciñais do municipio percibiron unha dotación adicional de 300 euros.

