Anuncios
Ticker de novas

Comeza a conta atrás para a Festa da Arribada coa celebración da Gran Cea Medieval

FOTO: PEPE COSTAS

A Asociación de Comerciantes e Empresarios de Baiona (ACEBA) celebrou este sábado o seu XX Aniversario coa tradicional Cea Medieval no Parador de Baiona, velada que ten lugar cada ano a semana anterior á Festa da Arribada, e que nesta ocasión cumpría a súa edición número XVIII.

Ao redor de 150 comensais gozaron dunha cea composta por caldiño de cordeiro lechal ao tomiño con fritos de cabaza, lobo en pan de raxo, a froita do Monte Real e sobremesas do medievo (as filloas do Tío Remigio, Torta do Conde e Almendrados do Convento da Anunciada), todo acompañado polo viño da Adega do Castelo e Auga das Pasasiñas. Tampouco faltaron os “Ñoclos de Pinzón” e as Rosquillas Cristaleiro, para finalizar cunha Queimada.

Na sobremesa, o presidente de ACEBA, Marcos Comesaña, e os membros da xunta directiva Emilia Fernández e Gustavo Vilar, renderon homenaxe a María Teresa Tornero Díaz, como muller emprendedora e traballadora, e primeira presidenta de ACEBA, e a Rosita Cristaleiro.

A velada contou coas actuacións de Non Si? Teatro, o grupo de gaitas “A Seneira”, a Escola de Danza Vila de Baiona, as Pandereteiras de Monteboi e o clarinetista baionés Carlos Gay Fernández. DJ Tibu foi o encargado de amenizar a festa posterior.

“Esta cea que nos traslada ao medievo, é o preámbulo da nosa celebración anual do histórico feito, convertido na actualidade, nunha gran festa, de carácter cultural e gastronómico, que grazas ao esforzo de todos adquiriu a categoría de festa de interese turístico internacional”, destacou Marcos Comesaña no seu discurso de benvida.

“Todos e cada un de nós debemos de esforzarnos cada vez máis, para que esta festa perdure no tempo, xa que é moi importante para a nosa economía local e ademais é un feito histórico que nos situou no mapa do mundo para sempre”, concluíu o presidente dos empresarios.

Entre os asistentes á cea atopábase o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, o alcalde de Baiona, Ángel Rodal, e os membros da corporación María Iglesias, Ana Simóns, José Ángel Bahamonde, Mª Carmen Paredes, Rafael Lores e Carlos Gómez, ademais dos deputados provinciais Santos Héctor e Montse Magallanes, Anxo Rodríguez, secretario da Asociación Pro-Irmandamentos Cristóbal García Sarmiento, Jorge Cebreiros, presidente da Confederación de Empresarios de Pontevedra e Antonio Requera, presidente da Federación Provincial de Comercio de Pontevedra e presidente da Fundación Luso-Galaica.

El pase de diapositivas requiere JavaScript.

Anuncios