Anuncios
Ticker de novas

Araúxo: “O PP de Gondomar prefire obedecer á Xunta contra o interese xeral e o sentido común”

Tras as críticas da presidenta do PP de Gondomar, Paula Bouzós, á decisión do Goberno Local de bloquear as obras de saneamento despois de coñecer a sentencia do xulgado contencioso administrativo de Vigo que lle dá a razón á Xunta e anula a resolución municipal, o concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Antonio Araúxo, sinala que a popular prefire “estar ás ordes do partido e da Xunta apoiando unha obra innecesaria e aberrante”, antes de “defender o ben común e o Medio Ambiente do seu Concello”.

“É por iso que cómpre aclarar algunhas cuestións ao respecto”, engade Araúxo:

1ª.- O PP e a Sra. Bouzós deberían dicir que construír esa obra inútil para Gondomar levaría unha hipoteca de por vida para o Concello de aproximadamente 30.000 €/ano en gastos de mantemento, consumo eléctrico, etc., por non falar das avarías tan frecuentes neste tipo de bombeos. Tamén deberían explicar por que ocultan que ademais da estación principal instalada no centro da Vila nunha zona verde, prevén dúas estacións de bombeo máis: unha na Ponte de Mañufe e outra á altura do Froiz, bombeando cara arriba, para despois volver bombear cara a abaixo. Alguén entende este disparate?.

2ª.- En canto á utilidade do proxecto (tanque de tormentas inicial e pozo de bombeo final), non serve para resolver o problema da mala execución da rede de saneamento de Gondomar construída pola Xunta do PP nos 97-98-99, sen separación de pluviais; en tubaxes de fibrocemento, sen a estanqueidade suficiente, etc. Falamos de toda a rede troncal, non só o treito dende a Vila de Gondomar á EDAR de Donas que seguiría funcionando mal por eses mesmos motivos.

3ª.- A Sra. Bouzós esquece deliberadamente que durante o mandato 2011-2015 ela mesma era concelleira do goberno municipal do PP, e que por oportunismo político diante do conflito cos veciños da zona decidiron “gardar no caixón” o tanque de tormentas non canto de ter a valentía política de executar o proxectado… Por non falar dos miles de euros que perderon para saneamento e outras obras por desidia. Recoméndolle que revise as actas dos plenos e senón as hemerotecas.

4ª.- En relación á sentenza dicir que non é firme, polo que a día de hoxe está sendo valorada a presentación dun recurso polos servizos xurídicos municipais, por entender que si é competencia do concelleiro de urbanismo iniciar un expediente de reposición da legalidade, como foi o caso, contra unas obras sen licenza realizadas nunha zona verde de uso público, e que nada tiñan que ver co aprobado polo pleno en novembro de 2010.

5ª.- A maiores de seren proxectos diferentes, o aprobado no pleno de novembro en 2010 foino por un goberno cuxo alcalde e concelleiro de urbanismo están inhabilitados por sentenza xudicial (prevaricación continuada), por actuar reiteradamente prescindindo dos preceptivos informes dos funcionarios municipais, como no caso do proxecto do tanque de tormentas levado a pleno sen ningún informe técnico que o validase. Velaí a diferenza entre esta sentenza por defender o interese xeral e medio ambiente de Gondomar e outras contra membros do PP por todo o contrario.

6ª.- En cambiando o goberno municipal no ano 2015, o partido da Sra. Bouzós á petouta co Goberno da Xunta decidiron activar o devandito proxecto a sabendas da falla de tempo para executalo. Entón xa non lles preocupaba a conflitividade veciñal e moito menos a perda da subvención que agora critican. Curiosa maneira de entender a lealdade institucional que agora invoca o PP. Por certo, ocultando a Sra. Bouzós que dende o actual goberno municipal se lle ofreceron dous lugares alternativos para situar as obras, que rexeitaron.

Por último, o concelleiro de Urbanismo pon de manifesto que o Goberno Municipal de Gondomar o único que fixo, e vai seguir facendo, é defender o interese xeral e o sentido común, algo tan elemental como procurar que as augas fecais baixen por gravidade separadas das pluviais; que se faga unha revisión a fondo da rede principal de saneamento instalando novas tubaxes feitas de materiais modernos que faciliten a paso das augas fecais con pendentes moi baixas, etc. “Estamos convencidos que co investimento previsto para o tanque de tormentas sobrarían cartos para que Gondomar contase cunha rede de saneamento moderna e sustentable, máis propia do S. XXI que do S. XIX”.

Anuncios